InicioCentralFozAs XXV Xornadas de Historia Local abren novas perspectivas sobre o pasado...

As XXV Xornadas de Historia Local abren novas perspectivas sobre o pasado de Foz

O presidente da asociación A Pomba do Arco sinala que “ xornadas de historia téñense convertido xa a esta altura en toda unha referencia da proposta cultural do concello de Foz, pola súa contribución a pór en valor o pasado de Foz”.

Publicada o

- Advertisement -

A casa da cultura “Poeta Manuel María” de Foz acolle  desde 1 a 4 de agosto unha nova edición das xornadas de historia de Foz, tras dous anos de parálise provocada pola pandemia.

O encontro deste ano ten unha significación particular por coincidir co 25 aniversario da primeira cita, organizada por primeira vez en agosto de 1995 e que tivo como relatores a Suso Fernández, Antón Niñe, Ramón Eiras e Xoán Ramón Fernández Pacios. Neste sentido, o presidente da Pomba do Arco e un dos impulsores das xornadas na súa orixe, Marcelino Vilarino quixo lembrar “a todos aqueles que colaboraron con nos neste período e de xeito moi particular a Suso Fernández, quen nos prestou a axuda necesaria para facer posíbel aquelas primeiras xornadas”

O presidente da asociación A Pomba do Arco sinala que “ xornadas de historia téñense convertido xa a esta altura en toda unha referencia da proposta cultural do concello de Foz, pola súa contribución a pór en valor o pasado de Foz”. Neste sentido, cualificas de “ son referencia para os focegos pois nela ven o compromiso por parte da Pomba do Arco en recuperar a nosa historia local e incorporala dentro da historia xeral de Galicia”.

As xornadas arrancan luns 1 de agosto as 20:30 na casa da cultura “Poeta Manuel María” de Foz cunha palestra a cargo do historiador focego e cronista oficial da localidade Xoán Ramón Fernández Pacios titulada “ Os portos de Foz”. O investigador focego analizara os diversos emprazamentos dos portos da localidade desde o século XV até 1935, significando que a localización actual do peirao non foi a única existente nestes cinco séculos. A tal efecto, Pacios referirase, tamén, ao porto baleeiro do Rego de Foz do século XVII así como a outras instalacións portuarias noutros lugares do concello.

GUERRILLA ANTIFRANQUISTA

O martes 2 de agosto as 20:30 a casa da cultura “Poeta Manuel María” de Foz acolle unha palestra dos historiadores Eliseo Fernández e Dionisio Pereira sobre “A primeira guerrilla antifranquista na Mariña” Fernández e Pereira son dous recoñecidos historiadores sobre o movemento obreiro, a represión franquista e a guerrilla galega, que na súa exposición van percorrer os primeiros pasos da guerrilla na Mariña e a súa evolución até 1939. Algúns dos temas a tocar son a figura de Luis Trigo “Gardarrios”, a acción guerrilleira do grupo de Alejandro Temblas, irmán do loitador comunista José, até o seu asasinado en 1938 ou o asasinato das mulleres da familia Casabella en Ourol, mortas en 1938, cuxo crime está considerado como un dos máis crueis da represión na Galiza

A MASONERÍA

O mércores 3 de agosto as 20:30 a casa da cultura “Poeta Manuel María” de Foz acolle unha palestra do xornalista e investigador cangués Martín Fernández Vizoso cunha relatorio sobre “A masonería na Mariña”. Fernández Vizoso, xornalista de longa traxectoria e significa historiador da emigración mariñá achegarase ao movemento masón na mariña durante o século XX, achegando información inédita da masonería na comarca.

A súa palestra analizará os núcleos masónicos existentes no período republicano antes de que o franquismo iniciase unha persecución  brutal do mesmo, con loxas funcionando en Viveiro, cuxa relación de membros aínda se conserva, un triángulo na parroquia do Vicedo de San Román do Val e membros aíllados noutros concellos que participan en loxas de Lugo, A Coruña, Ferrol ou Xixón.

O SÉCULO XIV

As xornadas serán clausuradas o xoves 4 de agosto ás 20:30 na casa da cultura “Poeta Manuel María” de Foz o ensaísta e investigador  Francisco Rodríguez Sánchez impartirá unha palestra titulada “O século XIV. Un momento decisivo para A Mariña”, onde nos achegará a unha centuria chave para entender a realidade da nosa comarca. Rodríguez, autor dunha ampla produción bibliográfica no ámbito dos estudos sociolingüísticos, literario e históricos, até o punto de que algunhas das súas obras son referencias inescusábeis nestes materias, explicaranos os cambios que se producen en Galicia e na nosa comarca no contexto dos enfrontamentos da guerra dos cen anos e do petrismo e o trastamarismo. A consecuencia destes feitos nacerá o Condado de Ribadeo, entregado por Enrique de Trastamara ao mercenario francés Pierre Villaines que o apoiou na guerra contra os galegos, a revolta dos veciños de Viveiro contra o bispo de Mondoñedo e a consecución da vila de reguengo ou a clausura do porto da Masma polos Trastamará, que fanará as posibilidades do desenvolvemento comercial de Foz.

ÚLTIMAS

Os sanitarios do Hospital da Costa realizarán accións até seren atendidas as súas demandas

A Xunta de Persoal do Hospital da Costa convocou unha xuntanza este martes para...

Sargadelos ten de prazo ata despois do verán para mellorar a seguridade laboral

A dirección de Sargadelos ten ata despois do verán para mellorar a seguridade na...

A concelleira de Facenda de Foz denuncia a “demagoxia” do PP coas facturas

A concelleira de Facenda e voceira do goberno municipal de Foz, Inés López Couto,...

Piden catro anos de prisión por presunta estafa a un home “en situación de vulnerabilidade”

Unha muller de orixe portuguesa enfróntase a catro anos de prisión por, presuntamente, estafar...