A CIG denunciou de novo este xoves as carencias de material no centro de saúde de Foz. O sindicato nacionalista asegura que o ambulatorio focego quedou sen sabas pequenas que estaban a utilizar para paliar a falta de papel para as padiolas.
A central expón que o uso de papel é “importante para manter limpa e hixiénica a padiola. A idea é que a mesma se poida usar por diferentes pacientes e durante varias sesións da forma máis hixiénica posible, xa que permite o aseo rápido e evita que se ensucien con fluídos corporais ou suor”, indica.
Este mércores, o sindicato nacionalista xa advertiu da falta de agullas de extracción de adultos, que “provocan coagulación das mostras e atrasos na recollida das mesmas; de gasas, de papel de mans, de auga para esterilizar e de bastóns para recoller mostras de exudados.
A CIG atribúe esta situación a que chega “material escaso nos dous repartos ordinarios mensuais, e se se fai un pedido urxente tarda en chegar”.
“Os servizos xa non teñen capacidade de reacción á hora de pedilo desde que as subministracións se centralizaron na plataforma loxística de Negreira, algo que non pasaba había 21 almacéns do Sergas, un deles en Burela antes de privatizar e centralizar”, explican.
ANIMA A RECLAMAR
Desde a CIG animan aos usuarios a “facer follas de reclamacións para denunciar esta situación que é debida única e exclusivamente ás políticas de recortes e privatizacións de quen dirixe a nosa sanidade pública”.
PIDEN A RECUPERACIÓN DA ÁREA SANITARIA
Desde a CIG esixen o cambio da Lei Galega de Saúde para que se poña fin ás estruturas organizativas de xestión integrada, EOXI, e se devolva a xerencia da Atención Primaria (AP).
Tamén reivindican que se incremente a partida dos orzamentos para AP, que actualmente é “dun doce por cento do total destinado a sanidade”.