O Concello de Alfoz celebrará o vindeiro domingo 25 de outubro o XXXII Festival da Terceira Idade, unha xornada de encontro e convivencia destinada ás persoas maiores de 65 anos ou pensionistas empadroadas no municipio, que poderán asistir acompañadas dos seus cónxuxes.
A programación comezará ás 13.00 horas cunha misa na Igrexa Parroquial de San Pedro de Mor. A continuación terá lugar a tradicional comida de confraternidade no Pavillón Municipal de Deportes, acompañada de diferentes actos ao longo da xornada.
Como é habitual, durante a celebración o Concello terá tamén un recoñecemento especial para as persoas asistentes de máis idade, así como para os matrimonios que ao longo deste ano cumpren 50 anos de unión, nunha xornada coa que se pretende poñer en valor a convivencia, a traxectoria vital e a contribución das xeracións de máis idade á vida do municipio.
A celebración deste ano coincide ademais coa actualización da xestión dos cobros do Servizo de Axuda no Fogar, despois do traballo realizado nos últimos meses para poñer ao día unha situación na que se chegara a acumular aproximadamente ano e medio de atraso na facturación.
A alcaldesa de Alfoz, Efigenia Maseda, sinala que “o Festival da Terceira Idade é, ante todo, un día para compartir, reencontrarnos e agradecer todo o que a veciñanza de máis idade fixo e segue facendo por Alfoz”.
Maseda destaca tamén o traballo realizado desde os Servizos Sociais municipais para normalizar os cobros do Servizo de Axuda no Fogar: “Non era razoable que unha familia puidese seguir recibindo cobros do servizo incluso un ano despois da perda dun familiar. Poñer ao día esta situación era un compromiso que tiñamos coas persoas usuarias e coas súas familias, para ofrecerlles un servizo máis próximo, áxil e sensible coas súas circunstancias”.
Desde o goberno municipal saliéntase que esta actualización permite afrontar unha nova etapa cun servizo máis ordenado e cunha facturación acompasada á prestación efectiva da atención, reforzando unha área especialmente importante para facilitar que a veciñanza de máis idade poida continuar no seu domicilio e na súa contorna.
