InicioCentralFozReunión do alclade de Foz coa presidenta de Portos de Galicia sobre...

Reunión do alclade de Foz coa presidenta de Portos de Galicia sobre a explanada portuaria

O Concello de Foz convenia coa Deputación de Lugo a renovación de ventás e o pintado da Casa do Concello e do CENIMA, así como a instalación de paneis informativos, por importe de 250.000 euros.

Publicada o

- Advertisement -

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, mantivo onte, mércores, unha reunión de traballo en Santiago coa nova presidenta de Portos de Galicia, Natalia Botana Rey. Na xuntanza, na que se trataron temas de gran relevancia como a dragaxe do peirao de Foz, a reversión de terreos portuarios ao Concello, a ampliación do peirao de Porto Chico ou a conservación do firme da explanada portuaria, estiveron tamén presentes a primeira tenente de alcalde, Inés López Couto, e o xefe da Zona Norte – Lugo de Portos, Antonio Fernández.

Portos de Galicia encargou o proxecto construtivo da dragaxe do porto de Foz en setembro do ano 2025, no que se prevé investir 1 millón de euros nunha actuación inicial e outras tres de mantemento durante catro anos. “Trasladáronnos que para sacar a licitación do contrato están pendentes de recibir as autorizacións de navegación e de verquido. Sobre a ampliación do peirao e modificación da bocana de Porto Chico, aproveitamos para expoñerlle á presidenta o traballo da Asociación A Ribeira ao respecto e a demandarlle a contratación do anteproxecto e estudo de impacto ambiental para que o proxecto, cando menos, se inicie”, declarou o alcalde de Foz.

Portos de Galicia, despois de declarar a innecesariedade para usos portuarios da explanada entre o Clube Kayak e a piscina municipal, iniciou o proceso de reversión dos terreos, no que intervén o Servizo de Costas dependente do Ministerio de Transición Ecolóxica. “O 22 de xuño deste ano mantiven unha reunión de traballo en Coruña co Xefe da Demarcación de Costas de Galicia Carlos Gil co mismo obxectivo: axilizar a transferencia de terreos ao Concello. Coñecidos os trámites que fixo Portos no verán do 25 ao respecto, esperamos poder axilizar o proceso para poder ordenar definitivamente os usos e delimitar e xestionar o estacionamento de autocaravanas: que teña un retorno para a administración pola ocupación do espazo. Tamén tratamos a necesidade, ante a demora do proceso de reversión, de poder xestionar o cobro polo uso do punto de auga e de descarga de augas negras, cuestión que tratará Portos cos seus servizos xurídicos”, informa o rexedor municipal.

Ante o mal estado xeralizado do firme dos viais e da explanada portuaria, este foi outro punto da reunión. “Aínda sendo responsabilidade do ente autonómico, imos explorar unha vía de colaboración entre administracións porque urxe, e moito, arranxar os viais da explanada portuaria, que se encontran en pésimo estado. Acordamos facer de novo unha solicitude formal para definir ese convenio de colaboración”, declara Fran Cajoto.

“É coñecida a nosa demanda de conservar o edificio da actual depuradora de augas residuais -que está previsto demoler unha vez se poña en funcionamento a nova EDAR para servizos municipais. Portos de Galicia comprometeuse a estudar a viabilidade xurídica de conservar o edificio, que sería importante para o Concello de Foz. Tamén tratamos a posibilidade de facer algo similar coa fábrica de xeo, que conta cun proxecto de demolición pendente de executar. En calquera caso, reiteramos a necesidade de conservar o mural das pescantinas de Xosé Vizoso, de cuxo traslado e reubicación se faría o cargo o Concello de Foz ante a posible demolición do edificio”, explica Cajoto.

Ademais o alcalde de Foz agradece a reunión á presidenta, “a cordialidade e a dilixencia en convocala despois da nosa solicitude. Tratamos cuestións de enorme relevancia para Foz e aproveitamos para invitala a visitar canto antes o noso Concello. Como proxecto a medio prazo, tamén quixemos expoñerlle a necesidade de que Portos de Galicia execute unha inversión de calado no espazo que vai a continuar sendo da súa titularidade, fronte ás casetas, de xeito similar á actuación que se rematou recentemente en Porto do Son”.

OBRAS NA CASA DO CONCELLO E NO CENIMA

O Concello de Foz convenia coa Deputación de Lugo a renovación de ventás e o pintado da Casa do Concello e do CENIMA, así como a instalación de paneis informativos, por importe de 250.000 euros.

O convenio aprobado en Xunta de Goberno da Deputación de Lugo o venres 28 de agosto inclúe distintas actuacións: “no tocante aos cerramentos exteriores, na Casa do Concello vanse a renovar ventás en madeira que nunca foran substituídas, retirada de enreixados onde non é necesario, cambiar as portas exteriores e a galería que comunica os dous edificios e que presenta humidades e un mal estado de conservación, por un importe total de algo máis de 46.000 euros. No CENIMA vaise a substituír o ventanal principal da planta baixa, por un importe de algo máis de 8.500 euros. Ademais, por un montante total de case 155.000 euros, vanse a limpar e arranxar as paredes exteriores da Casa do Concello e o CENIMA e aplicar unha imprimación e tres capas de pintura elástica. Cos 40.591,31 euros restantes o Concello vai instalar unha marquesiña de autobús na Avenida da Mariña para agardar o transporte, renovar 4 bancos en mal estado e instalar 4 tótems informativos de vídeo con pantalla de definición 4K para poder comunicar dun xeito áxil e dinámico eventos, programación do Concello ou outra información de interese”.

O alcalde, Fran Cajoto explica: “estamos a falar dunha inversión moi necesaria, con traballos tan demandados como o pintado da Casa do Concello. Vimos de rematar a renovación completa da cuberta do edificio, con case 87.000 euros con cargo ao Plan Deputación 2025. Con 111.000 euros imos comezar nos próximos días as obras de renovación de muros e escaleiras da Praza do Concello e o pintado será a terceira fase. Agradecemos o apoio da Deputación de Lugo para uns traballos moi necesarios na casa de todos. Son investimentos lóxicos, con actuacións como a instalación dunha marquesiña ou de paneis informativos que van a facilitar o día a día a todos os veciños”.

ÚLTIMAS

Ribadeo acolle o 16 de outubro o primeiro encontro forestal do Noroeste

Ribadeo acollerá o 16 de outubro o I Encontro Forestal do Noroeste no que...

Reunión de confrarías do Cantábrico Noroeste en Foz

A Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo organiza esta semana unha nova...

Dúas alumnas de Foz participan no Campionato Mundial de Pizza Picante en Italia

Marta Chao e Kiara Cabado, alumnas de segundo ano do Ciclo Medio de Cociña...

Ribadeo estrea ordenanza para regular o estacionamento das autocaravanas

A ordenanza reguladora do estacionamento de vehículos de acampada nace para velar polo turismo...