-Como naceu esta iniciativa do Pancetada Party, que idea había detrás dela?
O Pancetaparty, que vai pola sexta edición, oragnizámola un grupo de persoas que facemos carrozas de Entroido. A idea era sacar fondos para facer esas carrozas. Entón acordamos crear unha festa e buscamos unha data. Así vimos que o 22 de agosto era das poucas que quedaban libres e aí foi cando decidimos facer unha pancetada. A primeira edición foi no 2018 e os fondos foron destinados a crear a carroza de Entroido de 2019. Naquela edición venderamos todas as racións, realmente foi un éxito. Así, ano tras ano pois vaise incrementando a xente e tamén aumentamos un pouco a ración todos os anos e desta maneira vai a máis o Pancetaparty.
-Sodes a Asociación ‘Éche o que Hai’ quen organizades todo. Como levades adiante a organización? Como traedes o produto e como vos organizades para preparar as racións?
O produto é local, mercámosllo a unha carnicería de Foz onde ademais de comprarmos a panceta, tamén mercamos os chourizos e tamén hai langostinos que traen de Galmar. O día do Pancetapartyse día comezamos cedo para facer as brasas e toda a historia, e a partir das sete pois este ano queríamos empezar a dar xa racións. Porque bo, hai xente que xa está alí esperando todos os anos e sempre empezamos ás oito, pero este ano decidimos empezar un pouco máis cedo, pois hai xente que lle gusta cear cedo. Tamén así evitas que haxa filas longas.
-En que lugar de Foz celebrades este evento e que infraestrutura tedes ou o Concello pon esta parte?
Celebrámolo no parque Rosalía de Castro, o que lle chaman o Campo da Cabana. O Concello móntanos os asadores e a instalación eléctrica. Tamén monta algunha carpa e o palco e outras carpas montámolas nós. Realmente, o Concello si que colabora activamente con nós. E por último adornamos con luces todo o espazo.
-Para a preparación dos pratos, das racións, quen as cociña? Son cociñeiros profesionais ou necesitades algún permiso para facelo vós?
Si, iso facemolo todo nós. A ver, pedimos algunha axuda por fóra porque no grupo non somos suficientes para cociñar todo iso, mais si que facemos todo nós, preparamos a brasa e asamos tanto os langostinos como a panceta e os chourizos alí no momento.
-Como son as racións que repartides entre a xente que se achega á praza?
A ración de panceta son tres cacho grandes, un chourizo enteiro, pan e con iso damos viño a elixir entre branco ou tinto, ou auga. E despois damos tamén unha rifa para un sorteo porque temos cinco ou seis cousas para sortear, aí sobre a unha da mañá e tamén vai unha rifa no prezo da ración que serían 13 euros. Logo, á parte, van os langostinos que é un espeto con seis pezas.
-Que elementos entran na rifa?
Pois mira, rifamos un xamón, rifamos unha cena para dúas persoas no Porto Vello, rifamos unha caixa de viño e rifamos unha botella de viño destas grandes, unha Magnum de Rioja.
-Cantas persoas contades que participen este ano, que se acheguen aí a comer?
A ver, o ano pasado vendéramos 1200 racións e este ano vamos polo menos 1400 racións e podemos chegar ata 1500 este ano.
-Por que escollestes a panceta como produto central deste encontro?
Daquela estivemos pensando que poñer e ao final quedou a idea da panceta porque o churrasco xa é típico, as sardiñas tamén se preparaban en moitos sitios, e daquela coa panceta nunca ninguén facía nada. Entón dixen eu: “A min persoalmente encántame”, falámolo e dixemos: “Pois veña, imos facer unha pancetada, a Festa da Panceta e a ver que sae”. E realmente ten bastante aceptación.
-Cal é o número de socios na asociación Éche o que Hai? E por outra parte, dentro destes seis anos houbo, á parte da xente de Foz, visitantes doutros lugares?
Supoño que si. A ver, tamén o pobo está cheo de veraneantes, mais a verdade é que traballamos moito coa publicidade por aí. Temos uns flyers que imos poñendo polos coches para que o vexa a xente de fóra tamén. Tamén traballamos as redes sociais e os xornais para facer publicidade. E si que vén xente de Ribadeo, de Burela aínda que penso que virán de máis lugares.
