O IES de Foz acolleu unha nova charla da FCAM sobre o futuro laboral na Mariña Lucense. Asistiron estudantes de 4º da ESO e tamén de FP aos que lles insistiron en que “aquí hai futuro, que hai moita demanda de man de obra por parte das empresas, e que tamén nesta comarca é posible emprender”.
Polo centro focense a falar das súas experiencias laborais e persoais pasaron Iván Marrube, Ceo de Reyco, empresa de loxística que ten a súa sede en Fazouro (Foz); Antonio Graña, director dos Paradores de Turismo de Ribadeo e de Vilalba; e Jorge López, cociñeiro e propietario do restaurante O Forno de Tovar, de Lourenzá. A charla foi conducida por José Carlos Paleo, tesoureiro da FCAM.
Iván Marrube incidiu en que “A Mariña é unha comarca con moitas potencialidades, os salarios e os traballos que aquí se poden atopar reúnen as mesmas condicións que os empregos aos que se pode acceder en grandes cidades como A Coruña, Vigo, Madrid, Valencia… E aquí a calidade de vida é inmellorable”.
Antonio Graña contou que “temos a sorte de vivir onde a xente quere pasar as súas vacacións. A Mariña ten futuro. A busca da calidade de vida está atraendo a moita xente a teletraballar nesta zona”. E lembrou que “coñecín mundo, viaxei fora e dentro do país, porque iso da coñecemento, pero co paso dos anos o que buscas é calidade de vida e tempo de ocio e iso na Mariña existe”.
Jorge López amosouse orgulloso de ter sido estudante do IES de Foz “centro do que saíron grandes profesionais. Traballar aquí, formarse aquí é o mellor, é o futuro. Crear un negocio ou traballar nun negocio na Mariña é garantía”; subliñou que “na Mariña hai calidade de vida e futuro laboral” e apostou “polo traballo nas pequenas empresas. Nos somos os bos, somos os que ensinamos e apostamos polos negocios locais e por esta comarca”.
José Carlos Paleo agradeceu “a implicación e a participación de todas as empresas que nos acompañaron nesta xornada para achegar ás rapazas e aos rapaces ao mundo laboral e a todas as posibilidades de futuro que teñen nesta comarca. Moitas grazas ás empresas patrocinadoras deste segundo ciclo de charlas, que son Reyco e BeOne, e á Consellería de Educación. E agradecemento especial tamén para a directora do IES de Foz, Leticia Maseda, pola acollida e por abrirnos as portas do centro unha vez máis”.
Este segundo ciclo de charlas sobre o futuro laboral na Mariña, que organiza a FCAM, arrincou a finais do pasado ano no CIFP Porta da Auga, de Ribadeo, pasou polo IES Monte Castelo, de Burela, polo IES de Ribadeo Dionisio Gamallo, e polo IES de Foz.
