InicioCentralFozA Aula da UNED en Foz programa tres cursos, un roteiro e...

A Aula da UNED en Foz programa tres cursos, un roteiro e unha charla para o mes de maio

A coordinadora da Aula, Marta Muiña Rodríguez, sinalou: “seguimos a impulsar actividades conectadas co entorno natural, como os roteiros interpretativos, e outras cun forte compoñente social e humano, como a comunicación de malas noticias”

Publicada o

- Advertisement -

A Aula Universitaria da UNED en Foz presenta a súa programación de extensión universitaria para o mes de maio de 2026, cun total de cinco actividades –tres cursos, un roteiro e unha charla- que combinan formación especializada, divulgación e propostas de carácter social e ambiental.

Das cinco iniciativas programadas, tres son cursos formativos, “centrados en ámbitos de gran interese práctico. O curso de Primeiros auxilios pediátricos (3ª edición) desenvolverase do 6 ao 21 de maio, os mércores, en horario de 17:00 a 20:00 horas, e será impartido por Camilo Vázquez, “enfermeiro e figura referente na formación sanitaria na Mariña”. O curso sobre o Estatuto de Autonomía para opositores (Lei Orgánica 1/1981, do 6 de abril) terá lugar do 18 ao 21 de maio, en horario de 16:00 a 20:00 horas. Nesas mesmas datas e coincidindo tamén en horario, desenvolverase o curso de Mediación e conciliación deportiva: unha actividade ética, inclusiva e pedagóxica.

A programación complétase cunha actividade xa consolidada dentro da Aula, o roteiro interpretativo Flores de primavera, que terá lugar o 20 de maio, de 16:00 a 18:30 horas, con saída do Campo da Feira da Espiñeira, en Vilaronte. De novo esta proposta estará guiada por Pedro Rolle, quen acompañará aos participantes no coñecemento da flora primaveral.

Por outra banda, inclúese unha charla-obradoiro sobre a comunicación de malas noticias na intervención das Forzas e Corpos de Seguridade e Emerxencias, que se celebrará o 21 de maio, de 17:00 a 20:00 horas. “Trátase dunha actividade de marcado carácter social e humano”, organizada en colaboración coa AUGC e impartida pola psicóloga Alicia Lage.

A concelleira responsable da Aula Universitaria e de Educación, Elena Martínez Pena, destacou: “apostamos por unha programación que complemente a formación regrada e ofreza ferramentas útiles para a vida diaria, ao tempo que contribuímos a unha cidadanía máis formada e preparada”.

Pola súa banda, a coordinadora da Aula, Marta Muiña Rodríguez, sinalou: “seguimos a impulsar actividades conectadas co entorno natural, como os roteiros interpretativos, e outras cun forte compoñente social e humano, como a comunicación de malas noticias”.

Todas as actividades poderán seguirse en modalidade presencial na Aula UNED de Foz e tamén en liña. As inscricións poden realizarse a través da páxina web da UNED, presencialmente na Aula Universitaria de Foz, nos teléfonos 982.133.699 ou no correo electrónico foz@lugo.uned.es.

Desde a Aula Universitaria da UNED de Foz anímase á cidadanía a participar nesta programación, “reafirmando o seu compromiso coa formación continua e de calidade na Mariña lucense”.

ÚLTIMAS

A Xunta autoriza a planta de residuos non perigosos de Ribadeo aínda que recoñece “aumento de pó e ruido”

A Xunta formulou o informe de impacto ambiental do proxecto de ampliación do centro...

A Mariña sentirá a potencia dos motores co seu VIII Rally que se celebrará esta fin de semana

Esta tarde presentouse en Viveiro a oitava edición do Rally da Mariña Lucense, que...

Fundación Expomar presenta o novo formato das súas xornadas técnicas

A Fundación Expomar, co cofinanciamento da Consellería do Mar da Xunta de Galicia e...

O PP de Foz vota en contra da creación dun PAC en Foz: “o modelo actual funciona”

O Partido Popular de Foz no p en contra da proposta presentada pola esquerda...