InicioCentralFozFran Cajoto: “O que non di publicamente a Xerencia é que as...

Fran Cajoto: “O que non di publicamente a Xerencia é que as Urxencias en Foz dependerán da voluntariedade dos médicos”

O alcalde de Foz ve falta de seriedade ante o anuncio na prensa da retirada das urxencias no centro de saúde que se prestan os sábados pola mañá. Non dá a batalla por perdida mais denuncia o feito de que a área sanitaria non lle garanta a prestación das urxencias nin a instalación dun PAC que Cajoto considera necesario ante o aumento da poboación no concello

Publicada o

- Advertisement -

 

-Cales son as últimas novidades que teñen en Foz sobre o horario de atención a urxencias os sábados pola mañá?

O xerente da Área Sanitaria chamou esta mañá (o pasado xoves 9 de abril) para trasladarnos que o servizo de urxencias en Foz vai continuar os sábados pola mañá. Porén, o que tamén nos trasladou o xerente, Ramón Ares, é que a atención ás urxencias no Centro de Saúde dependería da voluntariedade dos médicos. Isto despois de coñecerse a información que trasladaron o mércores 8 de abril, que as Urxencias só se atenderían nos Puntos de Atención Continuada (PAC).

-Isto da voluntariedade implica remuneración desas horas ou non?

Si, si, é un servizo remunerado mais vai depender da iniciativa dos médicos, porque non teñen a obriga de prestar esas horas. Isto non garante a prestación do servizo de urxencias polas mañás no Centro de Saúde, só se garante nos PAC. As informacións na prensa din que se garante o servizo mais non se di que dependemos da voluntariedade dos médicos. Só podo dicir que isto non é serio. Agora desde o PP están dicindo que eu estou emitindo “fakes” cando as informacións na prensa apuntaban ao peche destas urxencias en Foz e Friol.

-Cando recibe a noticia sobre o posible peche das Urxencias en Foz cal foi a súa reacción?

Nada máis ler a noticia na prensa contactei co SERGAS na provincia e enviei un escrito ao conselleiro de Sanidade, Gómez Caamaño e ao responsable da área sanitaria, Ramón Ares. No escrito reclameilles que se manteñan as urxencias pola mañá os sábados. Aínda así, as autoridades sanitarias traballan desde un escurantismo absoluto pois, insisto, soubemos desta cuestión pola prensa, non temos documento ou borrador de decreto sobre esta decisión. Desta maneira, esiximos ao xerente da área sanitaria que se comprometa por escrito a garantir o servizo de Urxencias pola mañá en Foz. Xa se sabe que non vai ser así, alegando esa voluntariedade dos profesionais. A Xunta pretende ocultar ou darlle outra apariencia a este asunto para evitar unha condena porque non se vai garantir ese servizo.

-Non existen, enténdese, unhas directrices que indiquen os motivos para o peche destas urxencias?

Non se nos presentou nin un documento nin criterios ou libro branco para indicar onde ten que situarse un PAC, mais ou non existe ese documento ou non queren mostralo. Se se operase con criterios obxectivos poderiamos confirmar a necesidade dese PAC en Foz.

-As urxencias eran un servizo moi recorrido polos veciños e veciñas de Foz?

Esta prestación está implantada desde hai moitos anos precisamente porque foi unha conquista do pobo de Foz, isto despois de non terse aberto un PAC na localidade. Consideramos que ante o aumento positivo de poboación en Foz durante os últimos sete anos con máis de 400 habitantes. Isto apunta a unha maior necesidade de cobertura sanitaria en Foz fronte a discriminación que sofre este concello desde hai moito tempo. É por iso que lle insisto á área sanitaria a necesidade dun PAC que ademais, permitiría a apertura de gardas nas farmacias en horario nocturno que perdimos hai tempo. Hai tempo as farmacias, de xeito voluntario, prestaban gardas nocturas de forma voluntaria. Segundo a normativa actual, non teñen obriga de abrir polas noites se o concello non dispón de PAC ou se non conta cunha poboación de grande cidade.

-A existencia dun PAC en Burela non sería entón suficiente para atender necesidades en Foz?

En primeiro lugar están os tempos, canto tarda en chegar un veciño a un centro para atender unha urxencia. Por iso Pedrafita do Cebreiro, que ten menos de mil habitantes, necesita un PAC. Logo están os criterios de poboación, por iso en Lugo hai dous centros distintos que atenden urxencias. Tampouco existe uniformidade no reparto dos servizos de urxencias, así en Ribadeo teñen un e en Burela hai dous. Foz é o segundo concello da Mariña en poboación e o sexto da provincia, vendo a distribución das urxencias, consideramos que hai unha discriminación cara a Foz pois somos o concello da Mariña que máis medra en poboación. Por tanto, os veciños e veciñas deben estar ben atendidos cunha boa cobertura sanitaria que inclúa a atención ás urxencias para non masificar un centro de saúde ou, dadas as comunicacións que temos, depender dun vehículo privado para desprazarse até ese centro sanitaria.

-Existen máis puntos en canto atención sanitaria que considere desatendidos polo SERGAS en Foz?

O PAC é necesario si ou si. Tamén dispoñiamos dun médico de reforzo en época estival que tamén se conseguira despois de non ter ese PAC mais tamén o retiraron. Non podemos permitir esa discriminación con Foz, por iso levaremos a Pleno este asunto para que toda a corporación sexa partícipe na reivindicación do PAC.

-Ese PAC podería atender tamén outros concellos veciños?

Podería atender concellos veciños e limítrofes como Alfoz, O Valadouro ou Lourenzá, e por tanto, quitaría presión sobre as urxencias de Burela.

ÚLTIMAS

A Xunta autoriza a planta de residuos non perigosos de Ribadeo aínda que recoñece “aumento de pó e ruido”

A Xunta formulou o informe de impacto ambiental do proxecto de ampliación do centro...

A Mariña sentirá a potencia dos motores co seu VIII Rally que se celebrará esta fin de semana

Esta tarde presentouse en Viveiro a oitava edición do Rally da Mariña Lucense, que...

Fundación Expomar presenta o novo formato das súas xornadas técnicas

A Fundación Expomar, co cofinanciamento da Consellería do Mar da Xunta de Galicia e...

O PP de Foz vota en contra da creación dun PAC en Foz: “o modelo actual funciona”

O Partido Popular de Foz no p en contra da proposta presentada pola esquerda...