InicioCentralFozO BNG reclama ao Goberno mellorar o servizo de Correos en Foz

O BNG reclama ao Goberno mellorar o servizo de Correos en Foz

Publicada o

- Advertisement -

O Bloque Nacionalista Galego, máis unha vez, denuncia a situación da oficina de Correos en Foz e o deputado do BNG, Néstor Rego, reclama ao Goberno a adopción de medidas urxentes que garantan un servizo postal digno para a veciñanza. Entre outras, a organización nacionalista demanda máis medios e persoal para cubrir a demanda –sobre todo en épocas de grande volume de traballo- e recuperar o horario completo da oficina.

Nunha recente pregunta, o BNG xa advertía da situación deficitaria da oficina de Correos situada no termo municipal de Foz, marcada pola falta de persoal para atender a cidadanía, o que está a prexudicar gravemente a calidade do servizo no concello. A día de hoxe, aos postos vacantes súmanse baixas e vacacións sen cubrir, o que obriga ao persoal dispoñíbel a asumir unha carga de traballo excesiva, con impacto directo na súa saúde laboral e na acumulación de correo sen repartir, ao tempo que se reducen os horarios de atención ao público.

As deficiencias do servizo postal en Foz son xa un clamor social e políticos, con múltiples pronunciamentos en plenos municipais que reclaman ao Goberno solucións inmediatas: máis persoal, máis recursos e un horario adaptado ás necesidades da veciñanza, incluíndo a apertura os sábados pola mañá” destaca Néstor Rego.

Porén, o Goberno do Estado, na súa resposta ao BNG asegura que “o presente horario e o persoal existente permite atender o volume de actividade actual”, unha afirmación que Rego cualifica de “rotundamente falsa e allea á realidade diaria da oficina”.

Ademais, malia que Correos asegura reforzar o persoal en períodos de maior actividade como o Nadal, procedementos electorais ou a época estival, o BNG denuncia que estes reforzos “puntuais e claramente insuficientes non resolven o problema estrutural”, mantendo a precariedade do servizo e impedindo ampliar os horarios de atención.

Ante esta situación, Néstor Rego reclama ao executivo estatal “abandonar a política de recortes encubertos e actuar con responsabilidade para garantir un servizo público esencial en condicións dignas, tanto para o persoal como para a cidadanía”.

Así mesmo, demanda aclaracións sobre a non cobertura das prazas vacantes —que na práctica están a ser amortizadas— e das baixas e vacacións, pese á existencia dunha carga de traballo constante e crecente. Para o Bloque, os esforzos deben ir na liña de: aumentar o cadro de persoal, dotar de máis medios á oficina e recuperar o horario completo de atención ao público, incluíndo a apertura en sábado.

ÚLTIMAS