O goberno municipal de Foz responde ás críticas do Partido Popular sobre as melloras realizadas na rúa Jesús Nazareno: “no seu afán destrutor das últimas dúas semanas, o Partido Popular de Foz continúa sen aportar nada ao pobo. Non imos dicir que nos sorprenda que non lle guste unha obra, o raro sería que o fixera. Pero, claro, que mire os planos cando se está acabando xa parece de risa,” explica a tenente de alcalde, Inés López Couto, que engade: “di o señor Castiñeira que non existe un plano claro; o que temos claro nos é que non está habituado a consultar proxectos, pero vindo dun aparellador coma el é raro, os planos están no proxecto, por certo, de consulta pública para calquera. Non se perdeu ningunha oportunidade, pensa o líder da oposición que este goberno traballa como o facía el, sen ideas nin con vistas ao futuro, pero o Campo da Cabana merece un proxecto importante de barrio, non por rúas. E non iamos esperar máis para arranxar necesidades urxentes, coma o saneamento da rúa Jesús Nazareno, polo que se optou por actuar e continuar traballando nun proxecto completo para o barrio”.
Inés López Couto comenta tamén: “xa sabemos que para el os servizos non son importantes, por iso lle chama un simple lavado de cara a cambiar un saneamento con moitos anos e roturas continúas, sabemos que a el as tubaxes nunca moito lle importaron. Para planificación xa tivemos a súa na Avenida da Mariña, na que non se cambiaron as tuberías de auga e na que o firme de formigón rompeu en toda a rúa; e en Álvaro Cunqueiro, que ía dirección Burela coma a Avenida da Mariña. Tamén, como se pode observar, están secos a maioría das árbores por poñer en macetas ananas árbores que non collen nelas. Grandísimas obras con gran planificación. Esas foron as oportunidades que perdeu Foz de meter o diñeiro no que realmente se necesitaba. Rúas sen bordos nas que os coches invaden as zonas de paso dos peóns e que senón fora polos bolardos unha cadeira de rodas non podería circular.”
A voceira do goberno local de Foz engade: “se falamos de obras mal executadas podemos lembrarlle que o PSOE e FPF denunciaron que na obra de Álvaro Cunqueiro non se cambiaron as tubaxes de saneamento a pesar de incluírse no proxecto. Na Avenida da Mariña recibiu a obra e as empresas recuperaron o aval e este goberno tivo que volver orzamentar 150.000 euros para arranxar o firme escachado. En Jesús Nazareno os poucos tramos que cambiou a tubos novos de saneamento eran de polietileno, un material non permitido para o saneamento e que se volveu cambiar nesta obra. Xa que fala de perda de oportunidades, quizais os veciños das rúas Pascual Veiga e Concepción Arenal tamén poderían dicirlle que el tamén tivo a oportunidade de facerlles as beirarrúas accesibles, ou simplemente de levantar as tapas que lles enterrou cando soamente as aglomerou antes das eleccións do ano 2019.”
“Que pena que non se acordara no seu mandato de humanizar algo, e non só de formigonar con menos centímetros dos que viñan nos proxectos. Este non vai ser o único proxecto para o barrio do Campo da Cabana, xa que é unha zona que merece algo máis bonito e ambicioso. Esperemos que a oposición cambie e deixe de acordarse dos planos cando as obras están rematando para facer cambios a estas alturas. Desexámoslle ao Partido Popular un novo candidato que de verdade queira traballar polo seu pobo e non só marcarse unha noticia”, remata López Couto.
XARDINEIRAS NA RÚA
Anunciouno a concelleira Inés López Couto, que manifesta: “o señor Castiñeira só acerta nunha cousa na súa última nota de prensa: debe mellorarse o estado das xardineiras das beirarrúas do concello, para que os veciños poidan desfrutar das flores que xa se comezan a ver, por exemplo, nas árbores plantadas nas rúas Salvador Madariaga e Irmandiños. No caso da primeira os parterres deben ser arranxados pola empresa que executou as obras. Ao contrario ca el, este goberno e a dirección de obra requiriu á empresa que se arranxaran e se dispuxeran as flores que corresponde. Continuaremos esixíndoo. No caso das avenidas principais intentamos replantar árbores e novas flores pero as neoformigoneiras non permiten que as árbores medren e secan, polo que se acaba de solicitar unha subvención para un novo proxecto para plantar as árbores na terra e modificar a configuración dunhas rúas que naceron mal pensadas. Este goberno, a diferenza do do Partido Popular, cumpre as súas promesas, coma poñer no século XXI a rúa Costa do Castro ou levar a cabo as melloras do campo de fútbol de Malates, xa que nos seus gobernos el prometeu aos grupos políticos melloras que non cumpriu.”
Inés López Couto, en resposta ao voceiro municipal do PP, engade: “pídolle respecto para as miñas declaracións e consideración porque no PSdG as mulleres tamén temos voz, algo que no Partido Popular no nos teñen acostumados. Poden estar de acordo ou non cos nosos argumentos, pero a oposición debe ser construtiva e seguímoslle demandando que se digne a traer algunha inversión da Xunta para Foz. A planificación demostrase con contratos coma os que está a facer este goberno, como por exemplo o persoal adscrito para a limpeza de sumidoiros que xa está a traballar coa nova concesionaria da auga.”
“Adiántome a unha nova nota de prensa do señor Castiñeira: os paseos marítimos en Cangas están sen desbrozar, estamos por Fazouro pero nos vindeiros días a veciñanza poderá velo completamente limpos”, finaliza a concelleira Inés López.
