O Concello de Foz vén de definir un investimento de case 400.000 euros na mellora de camiños en todas as parroquias do municipio. O financiamento dos proxectos de renovación de firme corresponde ao Plan Deputación 2026 (316.420,15 euros, dos cales 269.345,28 euros son a cargo da Deputación de Lugo e 47.074,87 a cargo do Concello de Foz) e ao Plan Camiña Rural 2026-2027 (79.578,65 euros, dos cales o 46% está financiado pola Unión Europea, o 23% polo Concello de Foz, o 22% pola Xunta de Galicia e o 9% polo Ministerio de Agricultura).
O alcalde, Fran Cajoto, afirma que “o concello de Foz conta na actualidade con 3.631 veciños nas parroquias, máis habitantes que teñen concellos como Mondoñedo ou Barreiros no seu conxunto. Con 100 km² de superficie resulta unha prioridade para nós mellorar o firme e as condicións dos viais que tantas persoas usan a diario”.
Na parroquia de Cangas vaise a completar con aglomerado en quente o camiño da vía desde a Coren ata o paso inferior baixo a liña ferroviaria, o camiño de Raios que conecta con este, o camiño en Ribela dende a capela ata a subida á fonte e un camiño en Vilachá por un importe total de 63.782,33 euros.
Na parroquia de Vilaronte vanse a arranxar camiños en Mañente, Xinzo e entre a Cerdeiriña, Vigo e Pereiros, cun investimento total de 82.406,74 euros.
Na parroquia de San Martiño vaise completar con aglomerado en quente en Mourente o vial que conecta a estrada á Basílica coa subida ao Bispo Santo, vanse aglomerar dous viais en Ferreiravella e un en Caritel, arranxar un camiño en Vilacendoi e a subida ao Carme e arranxar en Forxán a estrada que sube ao Bispo Santo no entorno da variante e a liña ferroviaria. O investimento destas actuacións é de 103.812,53 euros.
Na parroquia de Santo Acisclo vaise arranxar o camiño ao Cabreiro, en Santa Cilla, vanse aglomerar os camiños de acceso á igrexa e asfaltar tres viais en Vilatuixe e en Fazouro vaise a completar con aglomerado en quente a subida ao Morgallón e reparar o vial entre Vilarmea e a Ponte Vella. Na parroquia de Nois vaise a mellorar o firme no camiño dos Castros e no barrio preto da Farmacia, en Cordido vaise a aglomerar un vial no barrio de As Moás e arranxar o camiño entre a Igrexa e o Cemiterio e ademais en Foz vaise a aglomerar o vial entre o barrio de Mansín en Vilaxoane e Marzán.
“Imos continuar cos investimentos en infraestruturas: somos conscientes que a pesar de ser unhas partidas moi importantes quedan moitos camiños pendentes de mellorar, na Ermida en San Martiño, en Santo Acisclo e en tódalas parroquias. Estamos moi comprometidos coa renovación de viais en todo o concello”, remata o alcalde de Foz.
