O Concello de Foz acaba de asinar hoxe, venres, a transmisión de titularidade do edificio da residencia e centro de día co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.
No ano 2008 o Concello de Foz acordou cederlle a esta entidade os terreos para a construción do inmoble que hoxe acolle a residencia. No 2017 o Consorcio asinou un novo convenio co Concello para a cesión de uso do ben. En xaneiro de 2023, finalizado o anterior convenio, asínase un novo, no que se inclúe a transmisión da titularidade do inmoble durante os catro anos de vixencia deste. Non é ata o ano 2025 cando se reúne a comisión de seguimento deste convenio e se plantexa que o Consorcio comezará a realizar os trámites necesarios para, na maior brevidade, ceder o ben.
O alcalde de Foz, Fran Cajoto, asinou hoxe, venres, a recepción da residencia “para poder seguir traballando na mellora do servizo, concertando prazas coa Xunta de Galicia ou negociando con outras administracións para que sexa asequible para todos. A Xunta de Galicia continúa a transmitir competencias sen financiamento a concellos e outras entidades locais coma as deputacións, como se ve no anteproxecto de lei de administración local. No caso dos servizos sociais xa é flagrante, xa que só ao Concello de Foz a Xunta adebédalle anualmente máis de 700.000 euros do servizo de axuda no fogar e da residencia”.
“Non conseguimos que a Xunta asumira as súas competencias en materia de residencias polo que será o Concello quen teña que continuar encargándose do servizo, neste caso xa co edificio, para poder buscar as mellores alternativas para que sexa un servizo público de calidade”, engade o rexedor municipal, que tamén explica que “ante o abandono da Xunta, o Concello é o único garante do benestar dos maiores: dedicámoslle anualmente 360.000 euros de fondos municipais, de todos, a pesar de ser competencia autonómica. Xa coa propiedade buscaremos fórmulas para continuar co mellor dos servizos e a un prezo asumible por todos. O que nos move da política é a xestión, traballar desde o goberno para mellorar os servizos aos nosos veciños”.
