InicioCentralFozFoz anuncia a sinatura do contrato para o abastecemento de auga coa...

Foz anuncia a sinatura do contrato para o abastecemento de auga coa empresa FACS

O Concello de Foz recibiu este xoves a desestimación do Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia (Tacgal) ao recurso interposto pola empresa que xestiona actualmente o servizo

Publicada o

- Advertisement -

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, anuncia que nas próximas semanas asinará o contrato de xestión do ciclo integral da auga (abastecemento, saneamento e depuración) coa industrial Sociedad de Fomento Agrícola Castellonense, S.A. (FACSA). O contrato será “o máis importante da historia de Foz, por un montante de 29 millóns de euros para 15 anos de xestión do servizo. Foi un proceso longo que comezou en decembro do ano 2023 coa estrutura de costes e que incluíu non só este contrato senón a primeira ordenanza de verteduras e do servizo municipal de saneamento do concello, así como o novo regulamento do servizo de subministro de auga e alcantarillado de Foz, publicados en maio do ano 2025”, explicou o rexedor municipal.

O Concello de Foz recibiu este xoves a desestimación do Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia (Tacgal) ao recurso interposto pola empresa que xestiona actualmente o servizo. “O Tacgal desestimou o recurso, polo que se levanta a suspensión á adxudicación que se aprobou no pleno ordinario do pasado mes de novembro. Nas próximas semanas asinaremos o contrato”, indica o alcalde, que engade: “a sinatura do contrato de xestión leva aparellada un canon inicial de 1,1 millóns de euros, 1,2 millóns de euros para a mellora das potabilizadoras de Fazouro e Cordido, 500.000 euros para a renovación da tubaxe de abastecemento en alta ao núcleo de Foz, 249.512 euros anuais durante a vixencia do contrato para o Fondo de renovación de infraestruturas, 700.000 euros para a implantación de telelectura de contadores, 245.548 euros para a reposición de contadores, 70.000 euros para a reposición de medios e 388.000 euros para outras inversións. Estamos a falar de case 8 millóns de euros de investimentos durante os 15 anos de vixencia do contrato de xestión do ciclo integral da auga, dos cales 3,28 millóns corresponden ao primeiro ano. Pero máis que cifras o realmente importante é que con este contrato imos poder conseguir unha auga de calidade renovando as plantas potabilizadoras; mellorar de forma continua as redes municipais con 250.000 euros anuais do fondo de infraestruturas e 1,6 millóns adicionais o primeiro ano; imos xestionar dunha forma eficiente e efectiva a rede de alcantarillado; imos mudar a lectura manual de contadores por telelectura; imos controlar a calidade da auga dos mananciais naturais; e, en definitiva, xestionar dunha forma óptima un recurso escaso como é a auga. Ademais, coa construción da nova EDAR e este contrato imos poder operar dunha forma completa, integrada e eficaz todas as depuradoras de augas residuais do concello, preservando o medio ambiente”.

Para rematar Fran Cajoto destacou que “o crecemento e a evolución de Foz teñen que verse acompañados da mellora das infraestruturas, para garantir uns servizos de calidade. Fixemos os deberes e estoulle moi agradecido a todos os técnicos (municipais e externos) que o fixeron posible; grazas a eles vai a mellorar a vida dos nosos veciños”.

ÚLTIMAS

A alcaldesa de Barreiros pide aplicar o “Modelo Muras” para as compensacións polo parque eólico Mondigo

  A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, adiantou hoxe, tras coñecer o anuncio feito pola...

A ampliación do Hospital da Mariña avanza con 33,5 millóns e máis espazo en urxencias, UCI e consultas

O Hospital Público da Mariña continuará coa súa ampliación a través das fases 2...

Convenio entre Viveiro e Portos de Galicia para ordenar o tráfico na rúa Porto de Celeiro

O Concello de Viveiro e Portos de Galicia asinaron un convenio de colaboración...

Ribadeo contará cun novo solo residencial para 300 vivendas, a maioría protexidas

O Diario Oficial de Galicia (DOG) recolle este luns a delimitación dun novo ámbito...