O alcalde de Foz, Fran Cajoto, quere agradecer ao xefe de servizo de Arqueoloxía, Roberto Pena, “as actuacións programadas para a mellora da seguridade e conservación do Castro de Fazouro, declarado Ben de Interese Cultural (BIC) no ano 2017 e único poboado costeiro escavado e posto en valor na costa cantábrica galega”.
O rexedor municipal explica que “os traballos, que van ser obxecto de contratación, consisten na instalación dun valo con pivotes e corda para a limitación de acceso á zona Norte, a recolocación de pedras caídas e retacados, a limpeza das estruturas e unha diagnose do xacemento. Esta actuación conleva ademais un novo estudo do xacemento e a difusión das actuacións realizadas e do propio xacemento, o que vai a resultar de gran interese. É unha actuación urxente e necesaria despois do derrube parcial do muro que se sitúa sobre os cantís. Hai poucos días o Ministerio de Transición Ecolóxica publicou no BOE o retranqueo do paseo de Arealonga, que vai a conectar o Castro en Fazouro coa parroquia de Nois cun paseo humanizado e renovado, por un importe de algo máis de 300.000 euros. Estamos a falar de dúas actuacións complementarias que van a poñer en valor un entorno de gran valor patrimonial e paisaxístico na parroquia de Fazouro”.
Tráfico
O Concello de Foz abriu ao tráfico esta semana unha nova vía nas Lagoas (As Torres), no que investiu case 68.000 euros procedentes do Plan Deputación 2024. A nova rúa, que se asenta sobre un camiño público existente e terreos cedidos ao Concello, serve de saída ao estacionamento das Torres e conta tamén cunha ampla zona peonil. “Esta era unha zona sen iluminación, chea de lixo e sucidade. Agora abrimos un amplo paso peonil, ben iluminado, que conecta coa senda peonil á praia de Llas. É unha rúa de sentido único, que facilita o acceso ás vivendas da zona e unha saída máis cómoda para os vehículos que estacionan nas Torres. Cremos que é unha mellora moi importante para os veciños da zona”, indica o alcalde, Fran Cajoto.
O Concello de Foz tamén reabriu ao tráfico a rúa Alfonso X, que mudou de sentido de circulación, e renovou o firme en Alfredo Brañas. “Investimos 100.000 euros grazas a un convenio coa Deputación de Lugo na mellora do firme de Alfredo Brañas e na renovación completa de Alfonso X, con nova rede de pluviais, fecais e abastecemento. Actuamos no importante: no que se ve, pero tamén no que non se ve. Quero felicitar á construtora pola axilidade e a boa execución dos traballos”, destaca o rexedor municipal.
Novas contratacións
Ademais Concello de Foz está a rematar a contratación da renovación de distintos viais, con cargo ao Plan Deputación 2025. Do proceso de licitación aberto a empresa mellor valorada resultou OVISA Pavimentos y Obras SLU, cunha oferta de 373.815 euros. O proxecto comprende a mellora de accesos ao IES de Foz, por 117.000 euros; a mellora de firme na Rúa do Mar e a renovación de Jesús Nazareno, por 121.000 euros; a renovación de abastecemento en Alfredo Brañas; e por un importe de 105.000 euros a mellora da rúa Concello de Cervo, con nova rede de pluviais e fecais.
Rede Saúde Local Foz
A concelleira de Sanidade en Foz, Kathy Navarro, anuncia que “nace a Rede de Saúde Local de Foz, unha alianza entre o Concello, os centros educativos públicos de Foz e o Centro de Saúde da mesma localidade, promovida pola Rede Galega de Promoción da Saúde. Esta rede nace como un espazo de colaboración estable e coa vontade de fomentar accións comunitarias e coordinadas destinadas a mellorar a calidade de vida e da veciñanza, entendendo a saúde como un concepto amplo que inclúe non só o aspecto físico, senón tamén o emocional, social e ambiental. Como primeira acción pública, a Rede de Saúde Comunitaria organiza a conferencia Desmontando bulos machistas nas redes, que se celebrará o día 14 de novembro ás 20:00 horas na Casa de Cultura de Foz. Será impartida por Sandra Piñeiro Vilas (presidenta da Audiencia Provincial); Dalila Pazos (maxistrada da Sala do Social nº3 de Lugo) e Luis Villares (maxistrado da Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Galicia)”.
Kathy Navarro engade que “ademais da conferencia aberta ao público, e dada a inmensa predisposición e colaboración deste profesionais de ampla traxectoria e recoñecida competencia, manterán tamén un encontro cos alumnos e alumnas do Centro de Ensinanzas Secundarias, no que abordarán este tema adaptado á súa realidade e intereses”.
