A Xunta de Galicia prevé finalizar o próximo ano as obras da nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Foz, que xa alcanzan un 40% de execución e que permitirán triplicar a poboación atendida respecto da actual instalación, en servizo desde 2026.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou este mércores o municipio lucense para comprobar o avance dos traballos, que supoñen un investimento total de 14,2 millóns de euros, financiados integramente por Augas de Galicia con cofinanciación da Unión Europea a través do Fondo FEDER.
Segundo explicou, a nova infraestrutura resolverá os problemas de capacidade e funcionamento da actual depuradora, deseñada para 8.000 habitantes equivalentes, e permitirá atender as necesidades de até 22.361 persoas. A instalación contará cun sistema de eliminación de nutrientes e desinfección, ademais dun tanque de tormentas de 1.500 m* e un sistema de impulsión de 3,4 quilómetros para trasladar as augas desde o punto de recollida até a planta.
Vázquez subliñou que se trata dunha das principais actuacións hidráulicas que a Xunta está a executar na comarca da Mariña, e anunciou que Augas de Galicia tramita xa unha modificación do proxecto co fin de adaptar a futura depuradora para que poida xestionar tamén os residuos procedentes de fosas sépticas de Foz e a súa contorna.
Acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, a conselleira destacou que esta actuación forma parte dunha estratexia global para modernizar o ciclo da auga na comarca. En conxunto, o departamento autonómico ha mobilizado máis de 46 millóns de euros desde 2024 en proxectos executados, en marcha ou en fase de licitación en distintos municipios da Mariña.
Entre as iniciativas máis relevantes, a conselleira citou a fase I da mellora do saneamento de Burela, actualmente en execución cun orzamento de 5 millóns de euros; o proxecto de optimización do abastecemento de Ribadeo e Trabada, licitado este mes por 7,5 millóns; e as melloras xa concluídas na EDAR de Viveiro (4,5 millóns) e no saneamento de Celeiro (3,9).
De face a 2026, Ángeles Vázquez avanzou que Augas de Galicia disporá de case 152 millóns de euros, un 5,49% máis que en 2025. Desa cifra, sete de cada dez euros destinaranse a proxectos de abastecemento e saneamento (108,7 millóns de euros), e 73,6 investiranse especificamente en infraestruturas hidráulicas orientadas a mellorar a calidade de vida da poboación.
