InicioCentralFozFoz incrementa o persoal en 25 efectivos para a tempada estival desde...

Foz incrementa o persoal en 25 efectivos para a tempada estival desde o 1 de xullo

O Concello de Foz inaugurou este mércores, día 2 de xullo, os campamentos municipais do programa Aberto x Vacacións

Publicada o

- Advertisement -

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, e a concelleira de Turismo, Comercio e Sanidade, Kathy Navarro, presentaron hoxe, mércores, na praia da Rapadoira o equipo de salvamento para este verán, que comezou as súas funcións este martes. O Concello de Foz iniciou a tempada estival con 14 profesionais no servizo de salvamento e creouse unha nova bolsa para a praza de socorrista que está sen cubrir. Ademais reforzouse o persoal de limpeza viaria e praias con 7 persoas; o servizo de recollida de lixo, con dúas persoas; e a atención na oficina de turismo, con dúas auxiliares.

As praias da Rapadoira e Llas terán servizo de salvamento de luns a domingo, en horarios de 13 a 19 horas entre semana e de 12 a 20 horas as fins de semana. As praias de Areoura, Peizás e Pólas contarán con servizo de socorrismo ou primeiros auxilios entre semana de 13 a 19 horas e sábados e domingos de 13 a 20 horas, excepto os luns -Areoura-, martes -Pólas- e xoves -Peizás-, nas que non haberá servizo eses días por descanso do persoal.

A concelleira Kathy Navarro destaca a ampla dotación de servizos nas praias de Foz, con aseos e posto de salvamento completamente renovados no areal da Rapadoira: “a praia da Rapadoira está completamente adaptada a persoas con minusvalía porque conta con punto de auga e pasarela ata a area húmida, ademais de cadeira anfibia para que todas as persoas poidan desfrutar dun baño no Cantábrico, independentemente da súa condición física”.

Están tamén abertos ao público os aseos de todas as praias e das áreas recreativas do Bispo Santo e Ponte de Ferro, que terán unha limpeza diaria, a excepción da Rapadoira e Llas, que contarán con dúas limpezas ao día.

O alcalde explica: “con persoal propio municipal impermeabilizamos cubertas, melloramos iluminación e carpintería e pintamos os aseos e posto de salvamento de Llas. Estamos rematando tamén a substitución de madeira en mal estado en distintas pasarelas e rematando o acondicionamento dos accesos aos areais para que todos poidamos desfrutalos. Tamén con persoal municipal construímos unha nova beirarrúa e pasos de peóns no Paseo de Colón, que mellora a mobilidade e facilita o tránsito de peóns na Rapadoira”.

O Concello de Foz continúa co traballo de desbroce, limpeza e preparación das praias, que rematará nos vindeiros días.

“Pido desculpas aos veciños e visitantes polas molestias das obras en distintos puntos do pobo aínda que traballamos para causar as menores incidencias posibles”, remata o alcalde.

ABERTO X VACACIÓNS

O Concello de Foz inaugurou este mércores, día 2 de xullo, os campamentos municipais do programa Aberto x Vacacións. Con 140 nenas e nenos entre 3 e 12 anos, dez monitores e base no CEIP O Cantel deu comezo este programa que ata o 29 de agosto acollerá a distintos rapaces en quendas de quince días.

Na xornada inaugural, na que estiveron presentes o alcalde, Fran Cajoto; o concelleiro de Xuventude, Ángel Fernández Neira; e a concelleira de Educación, Elena Martínez Pena, o edil indicou: “estamos moi contentos da acollida deste programa, que ademais se incrementa cun servizo de madrugadores que conta con corenta anotados. Estamos a falar de moitas actividades: inchables, kaiak, deslizadores,… Cando nos achegamos ao campamento os máis pequechos estaban en círculo convertendo unha simple tela na carpa dun circo, divertíndose; usan a imaxinación e pásano ben. É un auténtico éxito e vese na gran demanda que houbo na matrícula dos campamentos, o que debemos agradecer tamén á técnico municipal Carmen Seco”.

ÚLTIMAS

Traballadores da recollida de lixo en Viveiro non descartan ir á folga por ver “insultante” a proposta de FCC

  O servizo de recollida de lixo en Viveiro atópase nun momento de tensión. As...

O PP de Foz denuncia o colapso da desembocadura do Ouro na Pampillosa

O Partido Popular de Foz denuncia a situación “moi grave” que presenta na actualidade...

Barreiros acolle o exame COMDIX de competencias dixitais de nivel intermedio

A aula CeMIT de Barreiros acollerá o exame presencial para a obtención da certificación...

Convocada a Xunta Local de Seguridade en Viveiro para coordinar os dispositivos da Carreira CAMOVI e a Semana Santa

O Concello de Viveiro foi escenario esta mañá dunha xuntanza extraordinaria da Xunta Local...