-Por que se tardou tanto en aprobar o PXOM de Foz?
Houbo un cambio de criterio derivado de sentenzas xudiciais. No ano 2018, o anterior goberno local decidiu, a pesar de non ter todos os trámites realizados para ter o PXOM completo, decidiu seguir para adiante e solicitarlle á Xunta a aprobación parcial. Non se aprobara de maneira completa porque non estaba contemplada a ampliación de caudal da captación do río Ouro e tampouco estaba aprobada a captación de auga na parroquia de Cordido. Isto probocou que a Dirección Xeral de Urbanismo aprobara parcialmente o PXOM de Foz e trouxo un prexuízo aos veciños e veciñas de Cordido porque se se podía aprobar unha licenza coas normas subsidiarias anteriores, co PXOM aprobado parcialmente estiveron máis de seis anos sen poder tramitar licenza para obra nova. Desde a nosa chegada á alcaldía en 2019, Augas de Galicia tardou entre cinco e seis anos en aprobar os trámites que quedaban. Isto podían velo os veciños e veciñas de Cordido cando quería facer un trámite ante Augas de Galicia, órgano dependente da Xunta.
-Cal era a cuestión relacionada coa captación de augas e por que Cordido se veu máis afectada por esta cuestión?
Sobre Cordido hai que dicir que a traída de auga desta parroquia era independente do resto do Concello de Foz, era un sistema municipal mais non estaba legalizada a súa captación. Cando se decidiu levar adiante e de maneira parcial o PXOM provocou un bloqueo administrativo na solicitude de licenzas por parte da veciñanza de Cordido. Unha vez aprobado o PXOM incluíndo a captación de auga para Cordido, tamén houbo que realizar obras de acondicionamento para o novo contrato da auga. As empresas adxudicatarias dos novos contratos están obrigadas a realizar esas obras. Dito isto, o Concello de Foz fixo un traballo administrativo para resolver esta cuestión coa maior celeridade posible. Agradecemos á Dirección Xeral de Urbanismo ter atendido o requerimento do Concello en nove meses para desbloquear a situación.
-Veciños e veciñas pode solicitar obras con todos os permisos e dentro da legalidade?
Si e aínda máis, xunto coa cuestión de Cordido tiñamos outra pedra co parque empresarial de Fazouro porque vén unha zona urbanizable, unha zona de expansión para o parque de Foz, que somos un concello en expansión. Nese sentido vémonos aliviados porque senón poderiamos perder unha oportunidade de emprego no concello e agora con este desbloqueo podemos desenvolver ese chan urbanizable do parque empresarial ante unha perspectiva de crecemento futuro.
-A aprobación do PXOM axudará a reivindicar a mellora de comunicacións por estrada?
É evidente e tamén calquera desenvolvemento urbanístico presente e futuro debe apoiarse nunha rede viaria potente e competente. Precisamente, cando somos un concello que está crecendo debemos ser conscientes que as infraestruturas deben configurarse de cara esa evolución. Esperamos que nun breve prazo se publique no BOE ese terceiro acceso ao casco urbano, as rotondas de Cangas están en construción, tamén queremos ver esa mellora na intersección da Corredoira coa estrada a Ferreira e reclamamos a autovía A-74 que debe vertebrar toda a costa norte, incluíndo a comarca da Mariña. No caso de Foz, acabaría liberándonos desas travesías urbanas que son Fazouro, Nois e Cangas e que poden aumentar a perigosidade. Estamos traballando para que, unha vez remate a autovía Lugo-Santiago pois se poña o foco na autovía da Mariña.
-De cara ao sector do turismo como pode axudar a aprobación do PXOM ao desenvolvemento deste sector económico?
O PXOM permite crecer de maneira ordenada porque o que non se pode é quedar freados porque en ningunha cabeza cabe non poder construír unha vivenda nova. Si debemos pensar en ter servizos, unha rede viaria axeitada e cun crecemento sustentable. Dentro disto, o PXOM define unhas características e permite pensar no urbanismo porque configura os estacionamentos na rúa, ancho de beirarrúas e tamén a convivencia. Ademais tamén permitirá desenvolver os Planos de Reforma Interior (PERIS) para os cascos históricos que agora cómpre levar adiante.
