A Plataforma de Afectados pola Suba Abusiva de Tarifas na Residencia e Centro de Día de Foz sinala nun comunicado que este pasado mércores confirmouse que Concello de Foz débelle á actual concesionaria da Residencia e Centro de Día unha cantidade superior ós 150.000 euros, é dicir, cinco mensualidades do servicio completas.
Segundo a Plataforma isto vai supoñer unha serie de prexuízos a usuarios e familiares. Ante isto, sinalan que as circunstancias lévanse xestando moito tempo, en concreto, dende mediados do ano 2.022, momento en que o señor Cajoto puxo en marcha na Residencia e Centro de Día “a súa particular forma de “xestionar” que, como ben é sabido, caracterízase por dous elementos inseparables: que o que antes funcionaba perfectamente deixa de facelo, e que a culpa sempre é dos demais”. A isto “súmalle o mérito adicional de ter logrado enfrontarse ó mesmo tempo ós usuarios e ás súas familias, ós traballadores, á empresa concesionaria, á Xunta de Galicia, á oposición, e ata ó seu socio de goberno, só para acabar provocando que o Concello se vexa arrastrado ós tribunais”.
Desde a Plataforma denuncian que “o alcalde e as responsables das dúas áreas directamente afectadas non fosen capaces de responder ás preguntas da oposición sobre o estado da conta co concesionario”. Ademais disto, “é un paradoxo o feito de que se estean a incumprir os acordos adoptados por unanimidade do pleno en sesións de xaneiro e febreiro de 2023 respecto do copagamento dos servicios da Residencia e Centro de Día”.
Así mesmo, consideran como únicos responsables da falta de pagamento ó alcalde, á concelleira de Economía e á concelleira de Servicios Sociais, “cuxa neglixencia e falta de capacidade de xestión contan co silencio cómplice e o amparo dos demais membros do grupo municipal do PSdG-PSOE, voluntarios convidados de pedra en toda esta historia”. A Plataforma pide ao Concello que regularice inmediatamente a situación coa actual concesionaria da Residencia e Centro de Día.
Finalmente, a Plataforma decidiu en asemblea celebrada o pasado mércoresiniciar os trámites para converterse en asociación permanente con plena personalidade xurídica. Isto permitirá “defender máis eficazmente aos nosos seres queridos de intereses especulativos e, chegado o caso e de ser preciso, nos facilitará intervir nos procedementos legais que poidan xerarse en todo o relativo a Residencia e Centro de Día de Foz”.
