-Cal era a alternativa que propoñía o BNG no pleno en que se abordou a cuestión da residencia de maiores e centro de día de Foz?
Propoñiamos articular un novo tipo de axuda para aqueles usuarios que non poidan pagar as novas tarifas e así non abandonen a residencia. Actualmente hai unha ordenanza do anterior mandato local para regular a residencia e así permitir que os antigos usuarios e usuarias do antigo asilo puidesen entrar na nova residencia. As pensións que reciben son moi baixas e se se aplican as subas da residencia só podería beneficiarse das instalacións un único usuario dos corenta que hai. Unha pensión media en Foz son 1.157€ e falamos de que algunas das novas tarifas poden chegar a 3.000€. Para o cálculo destas tarifas tamén se ten en conta o patrimonio dos fillos se os houbese, e no caso das residencias da Deputación e da Xunta tense en conta a pensión e o patrimonio do usuario. Cremos que se debe cambiar o sistema de tarifas na residencia de Foz.
-Por que existe tanto disenso entre os dous grupos locais que conforman o goberno municipal arredor da residencia?
Primeiro, a residencia non forma parte das áreas que diriximos, nunca participamos directamente neste proceso e sabiamos cando preguntabamos e cuestións relacionadas con el. Non fomos convidados a participar mais tamén se nos dixo que ninguén quedaría fóra da residencia por non querer pagar. A Plataforma de Familiares de Usuarios enviou escritos, pediu reuninóns, non se lles contestou escritos e as reunións non chegaban. Nós somos a parte máis pequena da corporación aínda que podemos inclinar a balanza pois nin PSOE nin PP teñen maioría. Sempre apoiamos ao grupo co que cogobernamos mais finalmente, con quen falaban os familiares era con nós pois o alcalde non se reunía con eles. Comezamos sendo como mediadores nesta cuestión mais eles querían unha reunión con representación de todas as partes interesadas. Esa reunión non chegou e desde a Plataforma díxosenos que se se aprobaban as novas tarifas habería xente que debería abandonar a residencia. Despois do pleno do 15 de xullo, cando nós votamos en contra, si houbo unha reunión unha semana máis tarde e os representantes da Plataforma non vían intencións claras de buscar unha saída. Nós, no pleno do xoves 26 de setembro, vímonos forzados a votar a favor dunha nova licitación e retirar o actual contrato.
-No anterior pleno votaran “non”.
Nese pleno díxosenos que deberiamos presentar unha argumentación xurídica para dar o noso voto en contra (da proposta do goberno local). Houbo alegacións da empresa dicindo que de votarmos en contra sen argumentación xurídica estariamos incorrendo nun delito de prevaricación. Non sabiamos o da argumentación xurídica e nós subimos toda a documentación para a comisión informativa do pleno. Entendemos que se o socio de goberno non te informa diso, é algo forte. Falamos cunha asesoría xurídica e preparamos o informe xurídico e levamos a pleno do día 26 de setembro esta proposta de renuncia ao contrato. Isto último propuxémolo porque xa non cabía outra cousa, mesmo nos avisara a Secretaría Municipal, o tema da residencia non pode seguir en suspenso: ou adxudicas ou rexeitas. Por iso consideramos necesario renunciar ao contrato baseándonos no interese público sobre as persoas que están alí.
-Por que a outra parte do goberno local non se decidiu a apoiar a proposta dos seus socios de goberno?
Estaba claro que non aprobarían a nosa proposta, querían adxudicar o contrato, aínda así, antes do pleno puido haber un achegamento de posturas. Nós o que queriamos co noso argumento era forzar a situación para realizar un cambio. Se nos abstiñamos sería votar “si”, o PSOE é o partido maioritario e votaría si, o PP votaría en contra e a abstención serviría para aprobar o plan presentado. Por outra parte, debemos recordar que esta residencia é municipal porque se fose do Consorcio Galego de Benestar os antigos usuarios do asilo non poderían pasar para a residencia. Nós actuamos tamén pensando en que o contrato é a cinco anos e pesamos nos usuarios futuros.
-A situación ideal sería que a Xunta se fixese cargo desta residencia. Cal é a interpretación do BNG de Foz sobre a actitude que mantén a Consellería de Política Social?
Até onde sei, a situación pode reverter agás que o contrato estea aprobado. Se a residencia pasa ao Consorcio Galego de Benestar os usuarios non teñen garantían de permanecer nesas instalacións. Funcionaría como as demais da rede da Xunta, poden ser enviados a residencias máis ou menos lonxe. Consideramos unha falta de respecto institucional que a conselleira non recibise ao alcalde, da mesma maneira que consideramos unha falta de respeto que no Concello non se recibise nun primeiro momento aos familiares. Si houbo unha reunión días antes do pleno do 15 de xullo, mais antes non houbera ningunha.
-Cal é a saída “ideal” para solucionar a situación actual?
Ter tratado este asunto cando xa finalizara o contrato en 2023. Que o alcalde se achegase a Santiago cando este punto xa foi tres veces a pleno a proposta para contratación, considero que chega tarde. Quizais se tiña que ter feito iso en xaneiro de 2023 ou antes. O ideal é que as partes negocien e cheguen a un acordo, chegar a un punto intermedio, aberto, participativo e transparente. Digo isto porque fóra da parte que leva Servizos Sociais non participou ninguén máis neste tema nin familiares dos residentes nin socios do goberno nin oposición. Debemos chegar a un consenso para unha maioría absoluta e sacar isto adiante.