O BNG vén de presentar unha iniciativa en forma de emenda para o vindeiro pleno municipal do xoves co obxecto de dar solución aos problemas que a proposta de adxudicación da concesión do servizo de residencia e centro de día está xerando entre usuarias e usuarios.
O BNG defende o interés público
O grupo municipal do BNG sigue a defender os obxectivos iniciais que o Concello pretendía conseguir coa contratación da concesión do servizo, que non eran outros que “proporcionar aos cidadáns un recurso baseado na prestación de servizos adaptados ao colectivo de persoas maiores, coa finalidade de lograr a autonomía, o desenvolvemento persoal, e a integración no medio social dos mesmos, favorecendo a permanencia destes no seu municipio de residencia” tal como establece o Prego de Cláusulas Administrativas e Particulares, e así mesmo tal como se recolle na Memoria Xustificativa “promover tamén o retorno dos que marcharon a outros concellos”.
Pero visto o expediente de contratación que a alcaldía leva a pleno este xoves, queda claro a todas luces que se se aproba así ese contrato, eso vai provocar que a residencia e o centro de día resulten inaccesibles para a inmensa maioría das veciñas e veciños de Foz e tampouco vai contribuir ao retorno dos veciños e veciñas de Foz que na actualidade son usuarios de servizos semellantes nos concellos límítrofes, donde tenen tarifas máis baixas.
“A nós móvenos única e exclusivamente o interés público en toda a nosa actividade política, e especialmente neste caso de suma sensibilidade, donde hai persoas con pensións pequenas que non van poder afrontar esta suba tan grande” afirmou o protavoz nacionalista Francisco X. Fanego que recordou tamén que todas as tarifas propostas no novo contrato para os servizos residenciais superan en máis dun 50% o importe medio da pensión no concello de Foz e representan unha suba media, respeccto das tarifas actualmente en vigor do 68%.
Renuncia a este contrato lesivo para os nosos maiores
En coherencia con todo o que o BNG defendeu neste proceso e con todo o que o BNG defende en materia de servizos sociais e atencións aos maiores, o grupo municipal emenda a proposta de adxudicación que se somete a aprobación do pleno e propón a renuncia ao contrato de concesión do servizo de Residencia e Centro de Día do Concello de Foz, fundamentando esta proposta na razón de interese público que xustifica a renuncia á súa celebración e o elevadísimo importe das tarifas, moi superiores á pensión media dos xubilados e xubiladas de Foz que lles impiden na práctica o acceso a estes servizos.
Condicións que fagan posible o acceso de veciñas e veciños de Foz á residencia: rebaixa nas tarifas, Ordenanza de Prestacións Públicas, ou programa de axudas ás persoas usuarias
Na emenda presentada hoxe no concello, o BNG expón as condicións que deben contemplarse na nova licitación proposta, e que son: unha rebaixa substancial das tarifas até situalas por debaixo da pensión media que receben os xubilados de Foz, así como a aprobación dunha Ordenanza de Prestacións Públicas de carácter non tributario reguladora dos Servizos de Residencia e Centro de día nas que se fixen unhas contías asequibles, ou a aprobación dun programa de axudas ás persoas usuarias que permitan o acceso efectivo aos servizos de residencia e centro de día do conxunto da veciñanza de Foz.
A Xunta, responsable dos numerosos problemas na atención á terceira idadade
Desde o BNG recordan unha vez máis a desastrosa política do Partido Popular en materia de residencias e atención á terceira idade e persoas dependentes, e o nulo investimento nos últimos anos en residencias públicas, e cargándolles responsabilidades aos concellos nun tema que está claro que é unha competencia impropia dos mesmos, e que acaba producindo un importante menoscabo económico nas finanzas municipais afogandoos pouco a pouco. Neste sentido, desde o BNG mencionan o caso do antigo Asilo de Foz donde as usuarias e usuarios tiveron que ser asumidos polo concello na nova residencia.
Anuncian tamén que esta situación pola que está atravesando a Residencia de Foz será levada ao Parlamento polos deputad@s do BNG.