O alcalde de Foz, Fran Cajoto, supervisou hoxe, venres, xunto ao Delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, o inicio das obras das rotondas de Cangas.
O rexedor municipal, que acudiu acompañado dos concelleiros Ángel Fernández, Ana Rojo e Carlos García, destacou “a sensibilidade do Delegado do Goberno e o compromiso do Ministerio de Transportes con Foz. Quero agradecer tamén ao senador César Mogo e á anterior secretaria de Estado Isabel Pardo de Vera o impulso destas infraestruturas, desde a primeira publicación no BOE en agosto do 2022 ata o día de hoxe, no que as obras xa son unha realidade”.
As obras comezaron na intersección da nacional N-642 cos accesos aos barrios da Gralleira e Ribela, na parroquia de Cangas. “Con esta rotonda imos facilitar enormemente o acceso das veciñas e veciños da Gralleira e Ribela ás súas vivendas, xa que ata o de agora tiñan impedido o xiro á esquerda. Ademais a rotonda servirá de cambio de sentido para os vehículos que se acheguen ás instalacións da ITV. Despois destes traballos as obras continuarán coa construción dunha nova rotonda no cruce coa estrada a Ferreira e centro cívico de Cangas. É unha intersección moi utilizada e que constitúe un punto negro da nacional. Estamos a mellorar a seguridade viaria, con actuacións que pensan nos vehículos pero tamén nos peóns”, destaca o alcalde de Foz.
Antes da visita Fran Cajoto mantivo unha reunión de traballo co Delegado do Goberno, na que compartiron proxectos que quere impulsar o Concello, así como a problemática derivada dos desprendementos do inverno pasado na cala de San Pedro en Cangas e na praia de Arealonga, entre Nois e Fazouro. “Despois dos estudos xeotécnicos por parte de Adif -Arealonga- e Costas -na cala de San Pedro, en execución- queremos que se traten canto antes as solucións prácticas. Preocúpanos moito o paso peonil en Cangas, xa que unha estrada con máis de dez mil vehículos ao día non é unha opción segura para os peóns”, explica o rexedor municipal.
Esta visita terá continuidade no tocante á Demarcación de Carreteras o vindeiro día 25 de setembro, nunha reunión de traballo que manterá o Concello de Foz coa Subdelegada do Goberno e o Xefe da Demarcación. “Seguimos traballando pola mellora da intersección da Corredoira da N-642 coa estrada LU-152 a Ferreira, por un Terceiro Acceso que cada vez se mostra máis necesario e por outros proxectos. Agradezo moito a atención do Delegado do Goberno e o seu compromiso con Foz. Queremos que se escoite a Foz en todas as administracións, por iso seguiremos petando á porta da conselleira de Política Social por unha reunión urxente ante a problemática da residencia; o silencio despois de máis de tres meses non é admisible”, remata o alcalde.