IniciosociedadeA CIG cualifica de "parche" a contratación de dous fisioterapeutas no Hospital

A CIG cualifica de “parche” a contratación de dous fisioterapeutas no Hospital

O Sergas atende a petición dun médico en quenda de tarde para o centro de saúde de Viveiro, pero non as demandas de reforzar a fisioterapia nos centros de saúde

Publicada o

- Advertisement -

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) realizou nas últimas semanas un paquete de contratacións nos centros de saúde e no Hospital Público da Mariña tralas críticas pola deficiencia dos servizos sanitarios.

Fontes do Sergas explican que se creou unha praza de médico na quenda de tarde no centro de saúde de Viveiro, outra no Punto de Atención Continuada (PAC) de Burela e que se contrataron dous fisioterapeutas -un na quenda matinal e outro na vespertina- para o Hospital da Costa.

A Xunta de Galicia atende así algunhas das peticións realizadas na comarca, como a de reforzar o persoal na quenda de tarde en Viveiro.

No municipio viveirense, a comunidade denunciou que os profesionais estaban a asumir ratios de tarxeta sanitaria por facultativo moi superiores aos marcados polo Goberno galego, con ata 1.800 pacientes por médico.

No tocante á fisioterapia, o plan da Xunta suscita as críticas da CIG, que denunciou a principios deste mes de febreiro as carencias do servizo na Mariña Lucense, trala fin do concerto que o Goberno galego mantiña cunha clínica privada.

A central nacionalista cre que a contratación de dous profesionais para o Hospital da Costa “é insuficiente” para abordar a “situación crítica” da fisioterapia e rehabilitación na comarca, con “longas listas de agarda”.

O sindicato considera que as contratacións son “un parche para acalar a crítica social” e esixe “un plan urxente” que dote ao Hospital dun médico rehabilitador, e de persoal diplomado en fisioterapia para abrir de tarde os ximnasios dos centros de saúde de Viveiro e Ribadeo.

O sindicato insta tamén a reforzar o ximnasio de Foz e o de MondoñedoOutra reivindicación do sindicato, respaldada polo pleno de Burela, é a creación do servizo de fisioterapia no centro de saúde burelao.

MOCIÓN DO PSOE

Pola súa banda, o PSOE anunciou que este martes presentará unha pregunta no Parlamento de Galicia para reivindicar “un trato igualitario a todos os galegos”.

Os socialistas criticaron osrecortes xeneralizados nos centros de saúde e situacións, dixo, como a de Viveiro, cun único pediatra a tempo parcial”, e anunciaron que pedirán á Xunta “respostas” sobre “a falta de persoal ou o deterioro do material na atención primaria, que é “o punto de contacto básico cunha poboación avellentada”.

PEDIATRÍA DE TARDE EN VIVEIRO

O BNG de Viveiro felicitouse porque o Sergas atendese a demanda realizada do cuarto médico na quenda de tarde e reclama “a cobertura de todas as ausencias, por vacacións ou baixas, dos profesionais desde o primeiro día”.

Os nacionalistas propoñen que unha das consultas de pediatría no centro de saúde “sexa pola tarde, o que favorecería a conciliación da vida persoal e familiar de pais e nais”.

ÚLTIMAS

José Quelle, O Vicedo: “Queremos manter unha data consolidada cada ano para o Trail”

-Como vai discorrer este IV Trial do Vicedo? Son tres probas. Hai dúas carreiras, unha...

As escolas deportivas de Ribadeo abren o prazo de inscrición o vindeiro luns

As Escolas Deportivas de Verán, que organiza o Concello de Ribadeo, ofrecen as especialidades...

Xornada sobre a velutina no Concello de Barreiros

As Escolas Vellas de San Miguel de Reinante acolleron esta mañá a xornada técnica...

‘Hablando de Pájaros’ presentará actividades de ecoturismo aos asociados a ACISA Ribadeo

O próximo 27 de maio a empresa Falando de Paxaros presentará as súas actividades...