O deputado mariñao Daniel Castro, xunto co tenente de alcaldesa e concelleiro de Educación en Burela, Mario Pillado, e a concelleira Sandra Fernández Cillero, reuníronse hoxe coa comunidade educativa do CEIP Vista Alegre —representada por Sara Calvo, presidenta da ANPA, e polo director do centro, José Manuel Díaz Cabado— e coa dirección do IES Perdouro, a través da súa directora, María José Pardiñas. Esta nova xuntanza prodúcese despois de meses de agardar por solucións que non chegan por parte do Partido Popular na Xunta de Galicia, quen fai oídos xordos ás reivindicacións que o deputado do BNG xa levou ao Parlamento en dúas ocasións.
CEIP Vista Alegre: preto de 300 alumnos con necesidades básicas sen atender
O CEIP Vista Alegre conta cun informe de 40 páxinas elaborado pola propia comunidade educativa no que se dá conta de graves deficiencias: humidades e filtracións recorrentes, aseos en estado insalubre, fugas de auga, deterioro estrutural de pavimentos e columnas, instalación eléctrica obsoleta, carpintería en mal estado, peche perimetral inacabado, ausencia de portas de emerxencia e importantes barreiras de accesibilidade.
Dende o BNG sinalan que todo isto segue prácticamente sen solución, agás as obras que vai realizando o propio concello, ás que se suma a negativa da Consellería a cubrir a pista polideportiva exterior.
IES Perdouro: importantes eivas de accesibilidade para 500 alumnos
No IES Perdouro, centro formado por varios edificios e que conta con 500 alumnos, a representación do BNG mantivo tamén unha nova xuntanza para abordar problemas xa tratados anteriormente e que continúan sen resolverse. Entre as principais eivas figuran os graves problemas de accesibilidade, escaleiras e solos esbaradizos no exterior polos que teñen que transitar alumnos e profesores, a falta de ascensores e eivas estruturais no edificio.
Así mesmo, demándase o arranxo e a cobertura da pista polideportiva exterior, a cal ten décadas de antigüidade e atópase na mesma situación. Desde a dirección do IES Perdouro envíase sempre un informe da situación á Consellería a principios de curso.
Acusacións de discriminación e iniciativa no Parlamento e no Concello
O deputado Daniel Castro criticou a actitude da administración autonómica: “É necesario que o sectarismo do PP porque o que non poden facer é mentirlle á cara ao pais e ás nais decindo que realizan obras que non realizan. Burela tén que deixar de ser descriminada e a Xunta tén que facer nos centros educativos da vila os investimentos que lle corresponden”. Castro anunciou ademais que levarán de novo estas reivindicacións ao Parlamento de Galicia.
Pola súa banda, o tenente de alcaldesa Mario Pillado anunciou que o Grupo Municipal do BNG levará toda esta problemática ao próximo pleno do Concello de Burela a través dunha moción. “O pleno tén que dar apoio ás xustas reivindicacións da comunidade educativa de Burela, e agardamos que ese apoios sexa unánime demandando que a Xunta cumpla con Burela, e que ese apoio se demostre na práctica”, concluíu Pillado.
