InicioCentralBurelaO novo libro dos Bolechas dedicado á multiculturalidade de Burela

O novo libro dos Bolechas dedicado á multiculturalidade de Burela

O libro leva aos Bolechas por diferentes espazos recoñecibles da vila, como a Praza da Mariña, o porto, as praias da Marosa e do Cabaliño ou o Parque Rosalía de Castro

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Burela presentou este venres na Praza da Mariña o libro Os Bolechas. A Festa da Multicultura de Burela, unha nova publicación protagonizada polos populares personaxes infantís e dedicada nesta ocasión á diversidade cultural que caracteriza a vila.

No acto participaron a alcaldesa de Burela, Carmela López; a concelleira de Cultura, Lina Gómez; e a cronista oficial de Burela, Herminia Pernas, que foi a encargada de afondar na realidade multicultural do municipio e na importancia que esta tivo e continúa tendo na configuración da sociedade burelá.

O libro leva aos Bolechas por diferentes espazos recoñecibles da vila, como a Praza da Mariña, o porto, as praias da Marosa e do Cabaliño ou o Parque Rosalía de Castro. Ao longo da historia aparecen personaxes con raíces en diferentes países que comparten as súas roupas, músicas, instrumentos, comidas e linguas, nunha celebración da amizade e da convivencia.

Durante a súa intervención, Herminia Pernas destacou a multiculturalidade como unha das características que mellor definen a Burela actual e puxo en valor a contribución das familias chegadas de diferentes partes do mundo á vitalidade demográfica, social e comunitaria do municipio.  

A concelleira de Cultura, Lina Gómez, sinalou que «é moi bonito que un libro dirixido aos máis pequenos mostre unha realidade que eles mesmos viven cada día en Burela. Queremos que aprendan desde pequenos a coñecer e valorar a riqueza que supón convivir con persoas, culturas e tradicións diferentes».

Ademais, todos os nenos e nenas que acudiron á presentación recibiron un exemplar do libro de agasallo, co obxectivo de que a historia poida continuar nas casas e compartirse tamén en familia. 

Trátase, ademais, do terceiro libro dos Bolechas dedicado a Burela. Despois de O bonito de Burela, publicado en 2019 sobre a costeira do bonito e Os bolechas comen peixe en Burela, chega este novo volume que pon o foco na multiculturalidade da vila.

Os Bolechas, tamén sobre o escenario 

Tras a presentación do libro, Os Bolechas foron tamén protagonistas da tarde co espectáculo Karaoke Deportivo, unha actividade chegada a Burela a través do programa FalaRedes da Xunta de Galicia, coa que pequenos e maiores puideron cantar, xogar e participar xunto aos coñecidos personaxes. 

A actividade completou unha tarde especialmente pensada para o público familiar, na que literatura, música e diversión serviron tamén para poñer en valor a convivencia e a diversidade que forman parte da realidade cotiá de Burela.

 

ÚLTIMAS

Petición de 18 anos de cadea por querer matar o seu padrasto a marteladas en Ribadeo

A Audiencia Provincial de Lugo acolleu este venres o xuízo contra un home acusado...

Interveñen 45 quilos de produtos pesqueiros sen etiquetaxe e documentación comercial en Xove

A Garda Civil interveu 45 quilos de breca, xurelo e sargo que eran transportados...

Operativo nas Catedrais: buscan dúas persoas que poden estar atrapadas nunhas rochas

Os servizos de emerxencias manteñen activo un operativo para buscar a dúas persoas que...

10.000 abonos do Resurrection Fest á venda este xoves 10 de setembro a partir das 12:00

O Resurrection Fest Estrela Galicia saca á venda este xoves, 10 de setembro (a...