InicioCentralBurelaProduart celebra a súa XXIV edición xunto aos corenta anos da Feira...

Produart celebra a súa XXIV edición xunto aos corenta anos da Feira do Bonito en Burela

A Fundación Expomar converte de venres a domingo a nave de redes do porto de Burela en centro cultural de artesanía, música e gastronomía.

Publicada o

Un ano máis, o porto de Burela concentra a atención na primeira fin de semana de agosto, coa celebración da 40ª edición da Feira do Bonito, festa de interese turístico nacional e galego, que atraerá a milleiros de visitantes. Paralelamente a esta cita, a Fundación Expomar organiza unha nova edición da súa feira dos produtos do mar, artesanais e ecolóxicos Produart, que chega xa á súa 24ª edición.  Como feira de produtos ecolóxicos e artesanais, Produart é o fiel reflexo dos valores de sustentabilidade dos recursos pesqueiros de Burela, a súa tradición artesanal e patrimonio cultural.

Máis de 60 expositores danse cita desde o venres ata a tarde do domingo nunha nave de redes do porto de Burela que este ano amplía a súa zona de exposición e onde se volven a combinar “os saberes e sabores dunha terra que mira ao mar”, no que, alén de produtos de artesanía e gastronomía popular, preséntase a próxima edición de festival de música Osa do Mar con concerto incluído, demostración de encaixe de bolillos, de tear e de xoiería, actividades infatís e degustación de produtos pesqueiros.

A conselleira de Mar da Xunta de Galicia, Marta Villaverde, inaugurou o evento o venres ás 17.30, acompañada de Carmela López, presidenta da Fundación Expomar, presidenta da Deputación de Lugo e alcaldesa de Burela, Ramiro Fernández, concelleiro de Mar de Burela e José M. González ‘Brais’, xerente da Fundación Expomar.

Ás 19.00 tivo lugar a presentación do XII Festival Osa do Mar, que se celebrará en Burela do 3 ao 6 de setembro, con Marcos Reimunde e Diego Campo, da Asociación Fanto Fantini, que organiza o festival, Alfonso Villares, delegado da Xunta de Galicia en Lugo, Iria Castro, en representación da Deputación de Lugo, e Carmela López, presidenta da Fundación Expomar, presidenta da Deputación de Lugo e alcaldesa de Burela.

O acto pechouse cun concerto especial Osa do Mar a cargo do grupo Tapa D’Orella, que deu paso a unha degustación gratuíta de produtos do mar para pechar a xornada do venres. Os asistentes á feira puideron probar croquetas de Peixe de Burela, empanada de Bonito de Burela e salpicón de pescada do pincho de Burela, unha actividade enmarcada dentro da campaña ‘Galicia Sabe AMar’ da Consellería do Mar da Xunta de Galicia.

Ao longo do sábado e domingo, paralelamente á celebración da XL Feira do Bonito, terá lugar a tradicional demostración de encaixe de palillos a cargo da Asociación Cultural e Artesanal de Mulleres Palilleiras “As Encaixeiras” de Burela, do mesmo xeito que os clásicos pintacaras infantís realizados polas monitoras do Centro de Educación Medioambiental “Gaia”.

Asimesmo, patrocinados pola Deputación de Lugo, o sábado pola tarde e o domingo pola mañá tamén se celebrarán senllas demostracións de tear e de xoiería, a cargo das artesás Noelia Feal e Estela Insua, respectivamente.

O domingo ás 13h terá lugar a charla-coloquio “Astronomía básica da eclipse, planificación e observación segura” a cargo do divulgador astronómico Antonio Pazos Pérez, patrocinada pola Deputación de Lugo, na que se dará información detallada sobre a eclipse total do vindeiro 12 de agosto, para a que a provincia de Lugo se posiciona como un lugar único para un evento astronómico inesquecible.

Finalmente, o domingo ás 20.00 pecharase esta nova edición de Produart, que, segundo a Fundación Expomar, “esperamos que volva ser un éxito rotundo, apoiado non só pola celebración da Feira do Bonito, senón tamén polas múltiples actividades culturais, deportivas e de lecer que se celebran estes días en Burela e que contribúen a crear a mellor atmosfera festiva, demostrando unha vez máis a capacidade de Burela para organizar eventos de alta calidade”, afirma a alcaldesa de Burela e presidenta de Expomar, Carmela López.

ÚLTIMAS

Morre un home en Foz por un incendio nunha vivenda da localidade

Unha persoa perdeu a vida este xoves tras producirse un incendio nunha vivenda situada...

Burela colabora co Bal y Gay para unha nova cita coa música clásica

O Concello de Burela colabora un ano máis co Festival Bal y Gay para achegar ao municipio unha nova cita coa música clásica. O vindeiro venres 14...

Primeiro parte da AEMET sobre o día da eclipse: Ceos nubrados no Cantábrico e litoral galego, con choivas no leste

O 12 de agosto, día da eclipse solar, será unha xornada marcada por unha...

Ribadeo prevé un aumento de 1.000 habitantes coas 300 vivendas proxectadas no PIA

O alcalde, Dani Vega, dixo que “tanto o Concello como a Xunta estamos a...