A Asociación de Montes en Man Común de Burela ten a mesma historia que o resto de asociacións con montes en man común de Galicia.
Si, coma todas. As comunidades existiron sempre mais durante o franquismo os montes pasaron a mans dos concellos. Despois, entre o 79 e o 82 e logo de moitas xestións creouse de novo a Xunta Reitora dos Montes Veciñais,.
-Por que a Comunidade de Montes ten interese en comprar terreos na zona arqueolóxica do Cabo?
Tanto para a Comunidade como para moita xente de Burela, o Cabo é unha zona importante, mítica, mesmo relacionada coa nosa xuventude por ser zona de ocio. Sendo unha área tan importante e de valor paisaxístico nunca entendemos por que os políticos nunca mercaron esa zona. Por todo iso, a Comunidade de Montes imos intentar mercala polo seu valor arquelóxico pois aí están os castros de Burela, aínda que boa parte xa os destruíron. O Concello de Burela declarou esa zona como área arqueolóxica e aí está un dos castros de costa máis grandes da comarca.
-Hai un interese de preservación, polo que se entende.
É unha zona onde non se pode edificar pola Lei de Costas e por ser área arqueolóxica mais os terreos son de particulares, numerosos particulares. Antes era terra de labranza mais agora está abandonada e queremos poñela en valor, tanto ambiental como arqueoloxicamente.
-Que pasos deben empezar a dar para materializar esta idea?
Primeiro debemos ter en conta que hai espazos que non están dentro da área de protección. Por outra parte, teremos que mirar leira por leira no catastro para saber quen é propietario de cada espazo. Digo isto porque teriamos que mercar os terreos.Outro punto é ter en conta a Patrimonio para preservar o lugar e mantelo medianamente limpo. Tratariamos de facer unha zona que se vexa que está coidada e que aí arqueoloxicamente hai algo e máis adiante podería haber novos proxectos.
-A compra ten que pasar por algún organismo oficial para ser avaliada?
Como somos comunidade de montes, si, debe aprobala Medio Rural.
-Cre que os prezos por metro cadrado suban cando se inicien as compras?
Penso que non porque a comunidade xa propuxo un prezo e, como dixen, é unha área que non ten outro valor. Si pode haber propietarios que lle teñan un valor sentimental a ese espazo. Nestes momentos non hai un valor medio porque son terreos fóra do mercado.
