A Revista Galega de Educación (RGE), publicación editada polo Movemento de Renovación Pedagóxica Nova Escola Galega, acaba de sacar á rúa o seu número 93. Nesta ocasión, a edición está centrada de xeito monográfico na situación actual da radio escolar en Galicia, un recurso educativo en pleno auxe.
Aínda que a comunidade autónoma conta con experiencias moi meritorias de radio escolar desde hai décadas —sendo o eixe central de iniciativas recoñecidas internacionalmente como o proxecto Ponte… nas Ondas!—, foi especialmente nos últimos anos cando a radio como ferramenta didáctica se xeneralizou nos centros galegos, impulsada de maneira notable a partir dos programas de bibliotecas escolares.
Os coordinadores deste número, os xornalistas Sergio Pascual Espinilla e Lucía Abarrategui Amado, manifestan na presentación que «falar de radio, educación e vida, é un proceso de deconstrución da última xa que, coas ferramentas, aprendizaxes e coñecementos adquiridos, ondas e ensino son alicerces na formación de calquera persoa». Baixo esta premisa, convidan ao lectorado a «mergullarse nas diferentes perspectivas educacionais, radiais, vitais» que se amosan ao longo do monográfico, o cal conta cun total de 15 colaboracións, ademais das seccións habituais da publicación.
Presentación oficial en Burela
A elección de Burela para a posta de longo deste número responde a un acto de xustiza coas experiencias de emisoras escolares existentes tanto na vila coma en toda a comarca da Mariña. Destaca de forma particular o caso do IES Perdouro, cuxa emisora escolar é un dos referentes en Galicia por transcender as paredes da aula e da propia comunidade educativa, chegando as súas emisións a boa parte do territorio galego a través de diferentes canles.
O acto de presentación pública celebrarase conforme aos seguintes datos:
-
Data: Luns, 25 de maio.
-
Hora: 17:00 h.
-
Lugar: Salón de Plenos do Concello de Burela.
Intervirán no acto:
-
Alumnado do IES Perdouro de Burela, que se encargará de guiar o evento.
-
Bernardo Penabade, principal promotor do programa Proxecto Neo desde os seus inicios.
-
Rita Gradaílle, integrante do Consello Editorial da Revista Galega de Educación e veciña de Burela.
-
Miruca Parga Valiña, actual coordinadora de Proxecto Neo, docente de Lingua e literatura galegas e vicedirectora do IES Perdouro.
-
Karina Parga Chao, responsable da edición do programa.
-
Docentes do equipo de radio do IES Perdouro, como María García Jartín e Javier Mogo, entre outros.
Distribución
A Revista Galega de Educación xa se pode adquirir en calquera librería de Galicia solicitando a súa reserva, ou ben realizando a petición de forma directa a Nova Escola Galega a través do correo electrónico neg@neg.gal.
