A conselleira do Mar, Marta Villaverde, defendeu este xoves en Burela a sustentabilidade do sector pesqueiro e a súa importancia para Galicia.
Así o fixo durante a súa participación na apertura oficial das XXXIII Xornadas Técnicas e do XXVII Encontro Empresarial organizados pola Fundación Expomar, “un dos grandes espazos de reflexión sobre o presente e o futuro da pesca”, segundo dixo.
Para Villaverde, a pesca é un sector “estratéxico” para Galicia desde o punto de vista económico, pero tamén social e territorial. “Miles de familias dependen directamente do mar e do futuro deste sector”, afirmou.
“Aquí ninguén cuestiona a necesidade de protexer o mar e conservar os recursos pesqueiros porque o propio sector leva anos demostrando un enorme compromiso coas boas prácticas”, apostilou.
Así, considerou “decisivo” que na futura revisión da Política Pesqueira Común aváncese cara a modelos de cogobernanza baseados na participación do sector e das rexións costeiras.
