A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa de Burela, Carmen López, asinaron este venres o convenio de colaboración para o avance do sistema de saneamento do concello lucense mediante a construción dunha nova estación depuradora de augas residuais (EDAR), unha actuación que contará cun investimento total de preto de 9 millóns de euros.
A conselleira explicou que o convenio, que terá vixencia ata decembro de 2030, establece que a Xunta se encargará de contratar a execución das obras.
Pola súa banda, o Concello xestionará e abonará os custos derivados da obtención dos permisos, licenzas e autorizacións á vez que entregará os terreos necesarios para o desenvolvemento dos traballos, para o que contará con Portos de Galicia.
A previsión é licitar as obras este verán e inicialas en 2027 para contar cunha depuradora máis eficiente que a actual, cunha capacidade de depuración un 50% superior e apta para atender unha poboación de máis de 13.000 habitantes equivalentes.
A maiores, a EDAR contará con tratamento secundario, inexistente na actual, aumentando a depuración e desinfección das augas recibidas, co que tamén mellorará a calidade das augas resultantes antes de devolvelas ao medio.
Os traballos permitirán cumprir cos obxectivos e estándares da directiva europea sobre o tratamento das augas residuais, a pesar de que aínda non foi trasposta ao ordenamento xurídico español.
Esta actuación correspóndese coa fase II do proxecto de avance do sistema de saneamento de Burela, que se engade á fase I de construción de novos colectores no municipio, cun investimento de ao redor de cinco millóns de euros.
