O PP de Burela condena que “a alcaldesa e presidenta de Deputación de Lugo axilizara a comisión de servizo para un alto funcionario do Concello de Burela en base a un Real Decreto do ano 2018 que permite facer nomeamentos temporais de funcionarios a habilitados nacionais para municipios de menos de 1.000 habitantes, unha condición que non cumpre Burela”.
Os populares advirten que “isto supón, aparentemente, un nomeamento irregular gravísimo do que a señora López Moreno debe dar cumpridas explicacións ao conxunto dos veciños e veciñas de Burela”.
Máis alá deste caso do que tivemos coñecemento este mércores, este proceder da titular da alcaldía de Burela “non sorprende” ao Partido Popular. Dende o Grupo Municipal Popular lembran que “estamos máis que acostumados, dende o comezo do seu mandato, a ver continuas irregularidades e/ou ilegalidades que sempre cataloga como simple ruído”.
Os populares subliñan “os numerosos incumprimentos para os que non tivo esa axilidade resolutiva que si tivo para o nomeamento express do fillo dun compañeiro de partido”:
– A licitación do contrato da limpeza dos centros de titularidade municipal que afecta tamén aos colexios e que no pasado pleno se amosou en contra de sacar a concurso público de maneira urxente e transparente despois de ser consciente de estar sendo renovado en precario dende o comenzo do seu mandato.
– A licitación do contrato da recollida do lixo cuxa prórroga finalizou o ano pasado e que aínda non foi adxudicado tal e como o esixe a lei, sendo renovado en precario de forma inxustificada.
– A perda de postos de traballo subvencionado para os veciños e veciñas de Burela por non ter remitido en tempo e forma a Conta Xeral ao Consello de Contas de Galicia.
“Estes son 3 exemplos dun longo etcétera de incumprimentos aos que se unirán máis novos en breves datas que poñen ben ás claras que a señora López Moreno lle parecen máis importantes os intereses partidistas e persoais que o interese xeral dos veciños e veciñas de Burela”, engaden.
“Isto demostra que a súa convivencia coas irregularidades continuadas ao longo do seu mandato non é casual, senón que é unha forma de gobernar que pretende instaurar en Burela e, segundo parece, que tamén quere facer extensible á Deputación de Lugo”, conclúen.
