Nas primeiras semanas deste mes de marzo celebráronse os obradoiros interxeracionais do proxecto “Sostibilidade da actividade pesqueira e consumo responsable”, que promove a Fundación Expomar coa financiación do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura 2021-2027 e do GALP A Mariña-Ortegal.
O primeiro encontro tivo lugar no centro de día ‘Coidando de Vós’ de Burela o xoves 5 de marzo e nela participaron cinco persoas usuarias deste centro (Julia, María, Wences, Elvira e Josefa), que foron entrevistados por seis mozos do grupo de participación e mocidade da Casa da Xuventude do Concello de Burela.
A segunda actividade tivo lugar na Residencia de Maiores de Burela o pasado mércores 18 de marzo, onde os mozos, que estiveron acompañados por Mario Pillado, tenente de alcaldesa e concelleiro de mocidade de Burela, e José Manuel González ‘Brais’, xerente da Fundación Expomar; foron recibidos por seis persoas usuarias deste centro (José, Segunda, Piedad, Jacinto, Benedicto e Consuelo).
O resultado destes Obradoiros foron encontros moi emotivos, nos que os mozos da Oficina Municipal de Información Xuvenil descubriron o perfil máis humano da vida mariñeira, coñecendo o percorrido vital de mulleres de mariñeiros e mesmo dun vello mariño caboverdiano, que narrou a súa experiencia da emigración.
Nestas charlas surxiron historias da vida mariñeira, naufraxios e moitas experiencias de grande interese para o proxecto, que consiste en recoller contos, lendas ou historias vinculadas co pobo, mesmo receitas que teñen que ver coa actividade pesqueira ou con diferentes tradicións e elementos que forman parte do patrimonio inmaterial da vila.
Popularmente coñecido como “Xeración Peixe”, o proxecto abrangue diversas actividades nas que colaboran diferentes sectores de actividade e públicos de distintas xeracións: desde centros de ensino ata centros de maiores e de inclusión social. Este venres 27 terá lugar a última actividade de limpeza de praias co IES Monte Castelo, despois das realizadas co alumnado do IES Perdouro e dos CEIPs Vista Alegre e Os Castros, en colaboración con Gaia, o departamento ambiental do concello de Burela.
Todos os traballos realizados durante este proxecto desde o pasado mes de outubro culminarán no “Congreso da infancia e a adolescencia”, que se celebrará o xoves 30 de abril na Casa da Cultura de Burela e no que se exporá o resultado das actividades realizadas, con diferentes relatorios e mostras de artesanía, cultura, literatura e gastronomía.