Os concelleiros do PP de Burela levan ao Pleno deste xoves dúas propostas. A primeira quere “clarificar o contrato do servizo de limpeza nos centros escolares e outros centros de titularidade municipal”. A segunda quere “instar ao Goberno central a cumprir a promesa da remodelación do cuartel de Burela”.
Coa primeira iniciativa o PP local “trata de sacar a concurso público e transparente o contrato relativo ao servizo que hai anos que se está a renovar de forma tácita, en contra do estipulado na lexislación vixente sobre os contratos do sector público sen que, polo de agora, o goberno da señora López Moreno fixera o máis mínimo xesto para tratar de corrixir esta ilegalidade manifesta”, segundo apunta o portavoz, Manuel Rouco.
Por outra banda, o Grupo Municipal Popular propón ao Pleno instar ao Goberno central, a través do Ministerio do Interior, a “cumprir coa promesa feita no seu día e leve a cabo a tan necesaria remodelación do cuartel de Burela anunciada a comezos do ano 2022 e valorada, por aquel entón, nuns 7M€”.
O portavoz indica que “dende aquela que fixeron unha foto para anunciar o proxecto diante do cuartel, un dos de cabeceira de toda A Mariña dando cobertura a numerosos municipios, nada máis se soubo; a pesar de que a asociación maioritario do acuartelamento fixo insistentes preguntas ao respecto sen que tivera ningún tipo de resposta”.
Os populares consideran que esta instalación “é fundamental para manter a seguridade da nosa zona” e, tal e como denuncian os propios axentes, lembran que “precisa un axeitado acondicionamento que garanta non só a seguridade e benestar dos propios gardas, senón tamén dos usuarios que acoden ao mesmo”.
