A frota de palangre demersal da Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela recibiu esta mañá a renovación da certificación da ecoetiqueta “Pescaenverde” da Universidade de Santiago de Compostela, que a distinguía desde 2022 como a primeira e única frota pesqueira de altura certificada por baixo impacto ambiental da súa actividade, tanto por unha baixa pegada de carbono como por unha alta taxa de retorno enerxético.
O acto estivo presidido pola conselleira de Mar da Xunta de Galicia, Marta Villaverde, e o vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación da Universidade de Santiago de Compostela, Gumersindo Feijoo Costa.
O xerente da OPP-7 Burela, Sergio López, deu a benvida ao acto e aproveitou para poñer en valor o traballo, as boas prácticas e o esforzo da frota palangreira, que no seu momento apostou por esta arte selectiva como pesca de futuro, pero que se atopou co obstáculo das vedas decretadas pola Comisión Europea en 2022.
Aquel peche dos ecosistemas mariños vulnerables supuxo un duro golpe ao sector palangreiro de Burela, que foi o único que, xunto coa Xunta de Galicia e o Goberno de España, se enfrontou a aquela directiva europea, axuntando esforzos contra o que consideran “un erro histórico”.
As previsións do impacto negativo deste golpe cumpríronse, cunhas perdas do 32% no volume de capturas da frota palangreira que pesca a pescada do pincho de Burela, afectando o ánimo do sector e poñendo en dúbida a viabilidade do futuro desta frota a curto prazo.
“Este selo de ‘Pescaenverde’ demostra que queremos facelo ben, cumprindo e demostrando que a nosa actividade se leva a cabo xerando unha baixa pegada de carbono e unha alta taxa de retorno enerxético, o que debería achegar un gran valor engadido no mercado”, asegurou o xerente de OPP Burela.
En representación da Universidade de Santiago de Compostela, entidade que promove esta certificación, o seu vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación, Gumersindo Feijoo Costa, empezou cualificando ao peixe como “unha mina de gran valor” e á pescada como un “megaalimento, que contén proteínas, graxas saudables, vitaminas e minerais, especialmente para os nenos e nenas”.
Pero unha mensaxe tan poderosa e beneficiosa como a recomendación de comer peixe entre 3 e 4 días á semana, choca de fronte coas imposicións mediambientales actuais, xa que o cambio climático é considerado hoxe como primeira preocupación social a nivel europeo.
Por ese motivo, non só é importante que o peixe sexa bo para a saúde, senón que é necesario demostrar que tamén axuda a coidar o medioambiente. Por iso naceron as ecoetiquetas, que certifican unha mínima pegada de carbono e máxima taxa de retorno enerxético en todo o proceso extractivo da pesca.
“A de palangre demersal de Burela segue sendo a única frota de altura certificada polo selo ‘Pescaenverde’, o que demostra a implicación de toda a cadea de valor ‘do mar á praza’, como ocorre no caso da ‘Merluza de Burela’”, asegurou Feijoo.
Pola súa banda, a conselleira do Mar, Marta Villaverde, puxo en valor a renovación deste selo ‘Pescaenverde’, na que a actividade pesqueira de Galicia se alía coa innnovación, demostrando que “somos tradición e tamén somos modernidade”.
Para a conselleira este resultado é froito do traballo compartido de tres factores: o sector pesqueiro, a ciencia e a administración galega, desde a que “apoiamos sempre ao noso sector pesqueiro, que non só trae o máis rico do mar, senón que tamén é fonte de riqueza para as xeracións futuras”.
Co aval científico da Universidade de Santiago de Compostela, esta ecoetiqueta traslada maior confianza ao consumidor final, reforzando a identidade de ‘Galicia Calidade’, que aposta pola excelencia e a sustentabilidade ambiental.
Marta Villaverde agradeceu o labor da OPP-7 Burela e ABSA, que seguen marcando o rumbo do sector e apúntanse a este tipo de iniciativas, valorando non só a dificultade de logralas, senón tamén o mérito de mantelas no tempo.
A conselleira lamenta que, a pesar de que esta pesca sostible debería traducirse nunha maior rendibilidade, as frotas sufrisen un gran prexuízo debido ás vedas nas súas zonas de pesca.
Finalmente, procedeuse á entrega dos certificados que renovan por tres anos máis esta ecoetiqueta, ata 2029, na que se inclúen 24 barcos palangreiros de Burela, 16 socios da OPP e 8 socios de Armadores de Burela.
