InicioMovementos SociaisBurela acolle a I Gala Solidaria Síndrome de Tourette Galicia

Burela acolle a I Gala Solidaria Síndrome de Tourette Galicia

Durante a presentación da gala, a concelleira de Cultura, Lina Gómez, destacou que “dende o Concello de Burela queremos colaborar con propostas que unen cultura e solidariedade"

Publicada o

- Advertisement -

A Casa da Cultura de Burela acollerá o vindeiro 11 de abril a I Gala Solidaria Síndrome de Tourette Galicia, unha iniciativa impulsada pola asociación Tourette Galicia co obxectivo de dar visibilidade a esta condición neurolóxica e apoiar ás persoas afectadas e ás súas familias. 

Baixo o lema “Xuntos visualizamos o Tourette”, o evento ofrecerá unha programación cultural e solidaria aberta a toda a cidadanía, na que se combinarán actuacións musicais, sorteos e outras propostas pensadas para todos os públicos.

A gala conta coa colaboración do Concello de Burela, ACIA Burela e ABSA, así como coa participación de diversos grupos e colectivos que actuarán de forma altruísta. Entre os participantes confirmados atópanse ACM Arume, o alumnado do CEIP Os Castros, Grupo de Cordas, Sen Límites, Fervenza 0,0 e Golpe de Efecto, que ofrecerán unha proposta artística variada.

As entradas poden adquirirse a través da plataforma A Taquilla. Ademais, habilitouse unha Fila 0 solidaria para todas aquelas persoas que desexen colaborar coa causa aínda que non poidan asistir ao evento. 

Durante a presentación da gala, a concelleira de Cultura, Lina Gómez, destacou que “dende o Concello de Burela queremos colaborar con propostas que unen cultura e solidariedade. Esta gala é unha oportunidade para dar visibilidade á síndrome de Tourette e contribuír a que a sociedade coñeza mellor esta realidade”. Gómez sinalou tamén que “a cultura ten unha enorme capacidade para xerar empatía e para abrir conversas necesarias na sociedade”.

Pola súa banda, a concelleira de Servizos Sociais, Sandra Fernández, subliñou que “Burela é un concello solidario e comprometido coas causas sociais”, e explicou que dende o goberno local quíxose apoiar esta iniciativa que contribúe a dar a coñecer a síndrome de Tourette e o traballo que realiza a asociación.

Dende Tourette Galicia agradeceron o apoio recibido para facer posible o evento e a acollida do Concello de Burela durante a presentación da gala. A entidade tamén quixo poñer en valor a colaboración dos grupos musicais participantes, que actuarán de maneira altruísta para contribuír á visibilización da síndrome.

Así mesmo, a asociación destacou o apoio do tecido comercial e empresarial de Burela, agradecendo a colaboración de ABSA, ACIA Burela e numerosos establecementos e negocios locais, que achegaron agasallos para os sorteos que se realizarán durante a gala.

Dende a organización e as entidades colaboradoras animan á veciñanza a participar nesta primeira gala solidaria, que busca converterse nun espazo de sensibilización, apoio e encontro arredor da cultura e da solidariedade.

 

ÚLTIMAS

Burela acolle cursos formativos para persoas estranxeiras e a preparación de probas oficiais

Burela acollerá dous cursos formativos dirixidos a persoas estranxeiras, organizados por Ecos do Sur....

ACISA integra hoxe os negocios da Praza de Abastos logo do acordo entre patronal local e Asociación de Praceiros

Acisa integra dende hoxe á Praza de Abastos de Ribadeo, tras a sinatura do...

O comité de empresa de Alcoa reclama unha reunión co Goberno ante a situación do sector do aluminio

O comité de empresa de Alcoa en San Cibrao, en Cervo, pide unha reunión...

Conferencia ‘A cova de San Xoán Vello: novas achegas desde a arqueoloxía’ en Viveiro

Mariña Patrimonio organiza para o vindeiro mércores 22 de abril, ás 20:00 horas, na...