O Foro Social da Mariña (FSM) organiza unha conferencia sobre “Dependencia e Discapacidade: Problemas e Propostas” que se celebrará o vindeiro venres, 6 de marzo, ás 20 horas, na sala de conferencias da antiga biblioteca de Burela. O ponente será Francisco Vázquez Vizoso, epidemiólogo e médico especialista en medicina preventiva, ex–xefe do servizo de medicina preventiva do complexo hospitalario de Pontevedra e membro do grupo promotor da Asociación Galega en Defensa do Sistema Público de Dependencia e Discapacidade ( ASGADeD).
O FSM realiza unha análise dos datos do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia en Galicia (SAAD). Segundo os datos, para o exercicio 2025 houbo unha reducción das prestacións de servizos esenciais, como os servizos de atención no fogar (SAF), os servizos de centros de día (SCD), ou os dos servizos de prevención e promoción. Asemade, o FSM destaca que “segundo estimacións publicadas nos medios de comunicación recentemente, o déficit de prazas residenciais en Galicia estímase en 11.509 prazas en 2024”. Consideran isto como unha redución de custos que reduce a calidade dos coidados e perpetúa a discriminación de xénero, ao priorizar aos coidadores non formais (sen formación específica), sobre os coidadores formais (con formación adecuada).
