A Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela lanza en 2026 o seu tradicional calendario anual baixo o título: “Se pensas en peixe, pensa en Burela”.
Ao longo dos próximos 12 meses o calendario 2026 da OPP-7 volve promocionar os “12 Pescados Capitales” do Porto de Burela, nunha acción cofinanciada por Xunta de Galicia e FEMPA, incluída no plan de produción e comercialización anual da OPP co obxectivo de contribuír á trazabilidade dos produtos da pesca e ao acceso dos consumidores a información clara e completa.
No calendario destácase o liderado de Burela en moitas destas especies, xa que, ademais de primeira lonxa de Europa en pescada do pincho, ABSA é primeira lonxa de Galicia en vendas e descargas de bonito do norte, bertorella, xarda, cabra de altura, castañeta vermella e mero; ademais doutras especies como o salmonete de roca, o sabre negro ou a maruca, que non aparecen no almanaque.
Estas especies representan as diferentes pesqueiras que forman parte das frotas do porto de Burela, como o palangre demersal (de fondo) en augas europeas, que pesca con anzol una a unha a pescada de pincho, a bertorella, a cabra de altura, a castañeta vermella, o mero ou o ollomol; o palangre de superficie en augas internacionais e europeas do Atlántico, que pesca tamén individualmente o peixe espada ou a quenlla; a frota bonitera do Cantábrico, que pesca os bonitos do norte ao curricán, un a un con anzol; ou as frotas de cerco ou arrastre de litoral do Cantábrico, que traen cada día á lonxa de ABSA especies pelágicas como a xarda, o bocarte ou a sardiña.
Desde o Porto de Burela vólvese promover así o consumo de peixe como unha das bases fundamentais dunha vida saudable, descubrindo cada mes as caracerísticas de cada unha das súas principais especies, a frota que a trae a porto, os diferentes formatos de comercialización, as artes de pesca ou as súas mellores épocas de consumo durante o ano.
Como nos últimos anos, editáronse preto de 4000 exemplares do calendario, que se distribúen como sempre entre os socios de OPP Burela e ABSA, a través da Asociación de Exportadores Almacenistas de Peixe da Mariña (ADEXMAR), da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo e de diferentes peixarías e establecementos locais. A metade destes exemplares distribúense en Madrid e Barcelona entre os socios de FEDEPESCA (Federación Nacional de Asociacións Provinciais de Empresarios Detallistas de Peixes e Produtos Conxelados) e o Gremio de Peixeiros de Barcelona.
