-Esta é a III Edición do Día do Orgullo Mariñeiro. Até o de agora cal é a experiencia que tedes recollido coas tres edicións e onde están as raíces desta celebración?
As raíces afunden nos obxectivos que ten a Fundación Expomar, a promoción do sector pesqueiro. Isto significa que, ademais das actividades que se viñan realizando; como as xornadas técnicas ou os encontros empresariais, a Feira Náutico-pesqueira e actividades en centros educativos; neste caso, hai dous anos falamos no Padroado de dedicar un día ao orgullo, de estar satisfeitos do noso sector. É poñer en valor todo o pasado do sector pesqueiro, aquilo que supuxo para a comarca e para o porto de Burela e o que supón na actualidade. Cremos que é un motor económico, cada día debe ter máis empuxe e debemos poñelo en valor ademais de estarmos orgullosos do que xa se leva feito.
-Este día do Orgullo Mariñeiro que repercusións está tendo en Burela e na comarca?
Precisamente estamos moi satisfeitos pola repercusión que ten tanto na Mariña como, particularmente, en Burela. Moitos dos actos que organizamos como, por exemplo, a Feira, son organizados e pensados de maneira máis xeneralista para xente de fóra ou xente do sector. Este acto pois está pensado para a xente da vila e da comarca. O certo é que nos sorprendeu a grata acollida que tivo en edicións anteriores coa cantidade de persoas participantes nos diferentes actos.
-Tamén está Peixe nas Escolas. Explícanos que é este evento.
Sobre esta parte temos un especial interese. Desde a Fundación Expomar queremos promocionar o consumo de peixe e o mellor xeito é facelo nas escolas, nos seus comedores escolares, onde os rapaces e rapazas comen diariamente. Postos en contacto con distintos centros educativos e mesmo con empresas que lles elaboran os menús, chegamos a un acordo polo cal nós proporcionamos a materia prima, lista para cociñar, e eles prepárana. Este é un traballo coa súa dificultade porque debemos cumprir con todas as normas de trazabilidade e de hixiene. Estamos moi satisfeitos con este programa porque máis de mil nenos da comarca comeron no Día do Orgullo Mariñeiro “Peixe de Burela”. En concreto comeron pota, poxada na lonxa do porto e que nós lle facilitamos aos centros educativos e que son tan dispares como o de Muras, Barreiros, San Cibrao, centros de Viveiro e desde logo os dous centros educativos de Burela. A maiores este ano quixemos introducir os comedores da Fundación Eu Son e o comedor da Asociación Saúde Mental da Mariña que está en Cervo. Todos estes centros puideron gozar co peixe de Burela.
-Hai outra parte que é Muller e Mar. Que hai detrás deste nome?
Dentro do orgullo que temos por todo o sector tamén temos moito orgullo polo papel desenvolvido polas mulleres do mar. Era común oír falar sobre a importancia da muller pois o home estaba moito tempo navegando e elas eran quen administraban a vida familiar. Mais tamén hai mulleres que viven e desenvolven actividades dentro do sector pesqueiro. Organizamos unha mesa redonda para escoitar as súas opinións e para iso contamos coa presenza da presidenta da Asociación de Estibadores de Burela, estivo a presidenta da Asociación de Redeiras e tamén participou unha muller armadora e en representación da Administración, estivo a directora xeral de Desenvolvemento. A mesa foi moderada pola xerente do GALP Mariña-Ortegal.
