O Concello de Burela pon en marcha dúas novas accións formativas do programa #YoConecto, impulsado pola Fundación Cibervoluntarios en colaboración co Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública.
Os cursos, totalmente gratuítos, teñen como obxectivo mellorar as competencias dixitais da veciñanza, fomentar un uso seguro das novas tecnoloxías e reducir a fenda dixital entre xeracións.
O primeiro deles, baixo o título “Seguridade: protexe o teu mundo dixital”, está dirixido a persoas de ata 59 anos e desenvolverase do 24 ao 27 de novembro, en horario de 17:00 a 20:00 horas, na Aula CeMIT do Centro de Formación Ocupacional.
O segundo curso, “A túa banca dixital: compras seguras en liña”, está orientado a persoas a partir dos 60 anos e terá lugar do 1 ao 4 de decembro, tamén en horario de 17:00 a 20:00 horas, na mesma aula.
As inscricións para ambos cursos están abertas desde hoxe, podendo realizarse de xeito presencial no Concello de Burela, chamando ao 982 586 000 ou a través do correo electrónico burela@burela.org
O tenente da alcaldesa, Mario Pillado destacou a continuidade destas accións formativas. “Os cursos anteriores xa tiveron moi boa acollida, e que seguen a ser unha ferramenta moi demandada pola veciñanza. Ademais, contribúen a fomentar unha cidadanía máis conectada, autónoma e segura no ámbito dixital”, asegurou Pillado.
