A Asociación Esperanza colocará o vindeiro xoves 16, con motivo do Día Internacional contra o cancro de mama que se celebra o domingo 19 do presente mes de outubro, mesas para recadar fondos para a loita contra o cancro, o obxectivo fundamental do colectivo. As mesas estarán situadas nos lugares de costume, á entrada do Centro de Saúde e no Hospital da Mariña, para que todas aquelas persoas que desexen aportar fondos para axudar á investigación para a detección, tratamento e curación do cancro poidan facelo, á vez que se lles entregará un lazo solidario para remarcar a finalidade da recadación
Esperanza agarda unha ampla colaboración da veciñanza, dado que o cancro é unha enfermidade que afectou, afecta e afectará a moitas personas, e que existe moita conciencia cidadá para facerlle fronte á mesma.
CHARLA NO IES MONTE CASTELO
Esperanza, coa finalidade de dar a coñecer os seus obxectivos e actividades, impartirá unha charla divulgativa no IES Monte Castelo dirixida ao alumnado do ciclo formativo de Coidados Auxiliares de Enfermaría, o día martes día 21. A charla será impartida por personas da directiva da asociación e personas afectadas pola enfermidade. Esta mesma charla xa se celebrara en 2024.
APORTACIÓN ECONÓMICA A GEICAM
Esperanza fará nos vindeiros días unha aportación económica de 1.500,00 euros ao Grupo Español de Investigación en Cáncer de Mama, GEICAM, un grupo de investigación que conta con máis de 900 expertos en 200 centros sanitarios en toda España.
Constituido en 1995, GEICAM ten como obxectivo promover a investigación clínica no campo do tratamento do cancro de mama, así como a educación médica e a divulgación desta patoloxía na sociedade.
O colectivo xa leva anos facendo aportacións económicas a GEICAM, e a outras entidades adicadas á investigación do cancro, gracias ás achegas que a veciñanza fai a través das mesas coloca Esperanza, de donativos, ou mercando lotaría, calendarios, etc.
