Burela acollerá o vindeiro mércores 24 de setembro unha das etapas máis destacadas da Trade Navigation Tour (TNT), iniciativa do proxecto europeo FISATUR. A bordo do barco histórico La Peregrina chegará unha delegación internacional formada polos gañadores do programa de incubación FISATUR, procedentes de España, Portugal e Francia.
A xornada en Burela poñerá o foco na cultura mariñeira e o turismo marítimo-pesqueiro, cun programa pensado para mostrar tanto a riqueza patrimonial como as oportunidades de innovación do sector. A delegación internacional será recibida institucionalmente polo Concello de Burela, nun acto de benvida que dará paso a unha visita ao Museo do Barco Bonitero Reina del Carmen, espazo emblemático na conservación dá memoria e a identidade mariñeira local. A axenda completarase cun encontro coa Asociación de Mariñeiros Xubilados e Afíns “A Moncloa”, onde os participantes poderán coñecer de preto unha demostración de técnicas tradicionais de pesca, testemuño vivo do saber facer transmitido de xeración en xeración. Con esta escala, Burela convértese nun punto clave desta ruta, mostrando aos emprendedores europeos exemplos de como as comunidades locais están a diversificar a súa economía a través do turismo ligado ao mar.
O proxecto FISATUR é unha iniciativa europea financiada por fondos FEMPA e xestionada pola Axencia Executiva Europea de Clima, Infraestruturas e Medio Ambiente (CINEA). Liderado por FUNDAMAR, e coa participación de ICSEM (España), Technopole Quimper-Cornouaille e L’Institut Agro Rennes-Angers (Francia), así como CIM Alto Minho e o Instituto Politécnico de Viana do Castelo (Portugal), o proxecto busca impulsar o desenvolvemento económico sostible nas comunidades pesqueiras mediante a innovación e a cooperación internacional.
