Unha muller faleceu e outras sete persoas resultaron feridas, unha delas de gravidade, tras un atropelo múltiple rexistrado na tarde do venres na zona do porto de Burela, en pleno desenvolvemento das festas patronais da localidade. A vítima era usuaria da Fundación Eu Son, entidade dedicada á atención de persoas con discapacidade intelectual, á que tamén pertencen outras das persoas afectadas.
O accidente tivo lugar sobre as 16:20 horas, cando un octoxenario que conducía un turismo perdeu o control do vehículo tras golpear unha estrutura, desviándose cara a unha zona na que se atopaban varias persoas, preto dunha das atraccións da feira. Segundo informaron os servizos de emerxencia, o condutor deu negativo nas probas de alcoholemia e drogas, e foi trasladado tamén ao hospital, aínda que xa recibiu o alta. En total, oito persoas foron evacuadas a centros hospitalarios: dúas recibiron o alta, cinco permanecen ingresadas en planta e unha faleceu na madrugada do sábado.
Ante a gravidade do suceso, a alcaldesa de Burela, Carmen López, convocou de urxencia ao equipo de goberno, responsables da seguridade e portavoces da oposición para avaliar a situación e tomar decisións. A rexedora transmitiu o apoio do Concello ás vítimas e ás súas familias, e agradeceu a rápida resposta dos servizos de emerxencia e a colaboración veciñal durante os primeiros momentos da intervención.
Nun comunicado, o Concello manifestou a súa “máxima preocupación” polo ocorrido e informou da decisión de manter a programación das festas patronais. “Non é unha decisión tomada á lixeira. Foi valorada con responsabilidade, con corazón e con sentido común”, explicaron, apelando ao equilibrio entre o respecto polo vivido e a continuidade das celebracións nas que moitas persoas están implicadas.
A Policía Local de Burela, en colaboración coa Garda Civil, encárgase da instrución do ateigado, ao tratarse dun accidente rexistrado en zona urbana. A veciñanza da vila, profundamente conmocionada, mostrou tamén o seu apoio á comunidade da Fundación Eu Son, especialmente afectada polo suceso.
