-Cal foi a orixe destes premios contra a discriminación racial desde o Concello de Burela?
Esta é a XI Edición dos Premios 21 de Marzo Día contra a Discriminación Racial. Naceu da área de Inmigración e Atención a Imigrantes do Concello de Burela. Desde hai décadas en Burela conviven varias nacionalidades, a día de hoxe temos até 51, sempre foi un crisol de nacionalidades. Daquela, a técnica que traballa na área en conxunto coa dirección política de entón, consideraron unha boa iniciativa estes premios para conmemorar este 21 de Marzo e darlle continuidade no tempo. A celebración da última entrega de premios fíxose mediante un período de inscrición, configurouse un tribunal e agora vanse dar os premios. Finalmente, o obxectivo é traballar nunha sociedade igualitaria e xusta onde non exista a discriminación de ningún tipo.
-Como animan aos máis pequenos para participar neste concurso?
Botamos moita man dos centros educativos facendo tamén actividades paralelas con eles. Hai uns días unha rapaza senegalesa explicou como foi a súa experiencia desde que chegou a España acabando en Burela. Durante o ano si que traballamos neste eido apoiando aos centros educativos para difundiren as actividades relacionadas con esta data e contra a discriminación racial. Tamén implicamos outras áreas como son Mocidade e a de Educación cando traballamos cos rapaces e rapazas. Moitas veces imos aos centros educativos e tamén temos outras accións abertas aquí no Concello. Desde a área de Inmigración pensouse na necesidade de que os formatos de participación fosen abertos. Iso implicaba presentar un traballo como desexaran, e se o ano pasado tivemos diferentes estilos e formatos, este ano sorprendeunos gratamente a imaxinación dalgunhas destas pezas. Unha desas pezas era unha historia dentro dunha botella cunha mensaxe, algo que sorprende nun mundo xa tan dixitalizado. Abrir o formato dá bos resultados e tamén queremos así se involucre máis xente nesta tarefa contra a discriminación racial.
-Quixera preguntarlle pola súa visión sobre a convivencia entre os máis pequenos nos centros do Concello?
En primeiro lugar, ter esta diversidade é un privilexio mais tamén é unha responsabilidade tanto máis levando a árera de Inmigración como levo. Sobre a súa pregunta, os nenos e nenas non entenden de discriminación, para eles todos somos iguais. Cando imos medrando, a sociedade e o contexto onde nos desenvolvemos poden inocularnos prexuízos e así aparecen trazos de discriminación e problemas de convivencia. Sobre isto último, a sociedade pode ser quen condicione dalgunha maneira aos rapaces. E nos centros escolares, concretamente, non hai casos que afecten á convivencia máis alá do que xa afecta a toda a sociedade. Aínda que Burela ten máis de cincuenta nacionalidades convivindo dentro dela, o racismo podemos encontralo en todas partes. O mesmo sucede co machismo, está en toda a sociedade e iso fai que tamén estea presente en Burela. Pode haber casos de racismo puntuais nos centros mais son abordados polos Servizos Sociais, aínda así, os nenos non distinguen, vense iguais entre si.
-Entón poden existir dinámicas racistas dentro da sociedade?
Non quero ser conformista nin optimista en exceso nin pesimista mais vemos que o discurso do odio vai aumentando. Os que temos obrigas públicas temos o compromiso de combater este tipo de discursos. Este tipo de discursos son unha manifestación do fascismo e debemos estar contra estas mostras de odio. Por iso as accións de Inmigración van dirixidas a combater as ideas de odio todo o ano porque iso ten que ser a base do noso traballo diario.
-Dentro do desenvolvemento educativo, social e profesional como repercute esta aportación de diferentes culturas?
Insisto, esta diversidade é un privilexio e unha riqueza, así o entendo eu. Sen entrar na parte económica, existe un beneficio social coas diferentes culturas que conviven aquí pois podemos aprender uns dos outros. Podemos aprender en diferentes eidos, desde a gastronomía, pasando pola música como noutras vías de desenvolvemento. En relación a isto, queremos crear unha pequena sección na biblioteca municipal con textos das diferentes culturas de procedencia nas súas linguas e que poidan falar da multiculturalidade. Isto último tamén o temos pensado na música porque os mozos e mozas son moi consumidores de música. Por iso, crear unha sección e unha playlist de música sería unha maneira de achegármonos entre as diferentes culturas.
