-Que novidades ofrece esta XX Edición da Feira Expomar de Burela?
Pois precisamente por ser a XX Edición quixemos que fose unha edición especial e iso inclúe actividades para poder compartir coa xente. Con todo, recordamos que é unha feira máis encamiñada cara o ámbito profesional. Deste xeito, tentamos atraer as primeiras marcas do sector para faceren negocio na Feira, ese é o obxectivo principal de Expomar. Á parte, tamén temos expositores da Xunta e a Deputación onde ofrecerán información diversa sobre as posibilidades que teñen tanto a provincia como a comunidade. Ademais disto, tamén teremos unha palestra do IGAPE onde se debullarán as diferentes axudas ás que se pode acceder por parte de emprendedores. Tamén se presentará a Red de Turismo Pesquero Nacional, onde está incluída Expomar, unha oportunidade para coñecer esa rede en Burela despois da xornada feita o mes pasado, por tanto repetimos con representantes desta Red que explicarán o seu funcionamento e como pode participar a xente dentro desta iniciativa. Xa digo, é unha proposta para coñecer todo o relacionado co turismo pesqueiro que hai en España.
-Para esta XX Edición o MAPA enviará representación oficial?
Asistirá o Subdirección General de Caladero Nacional y Aguas de la Unión Europea, Juan M. Elices por parte do Ministerio de Agricultura y Pesca. Desde logo, agradecer a presenza das diferentes administracións que están presentes nesta XX Edición de Expomar.
-Como serán as actividades de Expomar dirixidas sobre todo aos profesionais, vanse fomentar encontros entre empresas mediante foros ou reunións?
Imos ter un encontro profesional, un acto que se celebra todos os anos e que terá lugar en ABSA. Será un coloquio onde se debatirá sobre o futuro do sector fronte aos novos retos que se lle presentan, finalmente farán públicas as súas conclusións. Logo haberá dúas xornadas técnicas unha o xove e outra o venres. Aquí vanse abordar temas como pode ser o relevo xeracional, as novas normas europeas sobre pesca, a importancia do peixe como alimento e eu espero que estas reunións sexan produtivas e axuden a promocionar os produtos pesqueiros, porque ese é outro obxectivo de Expomar, promocionar o consumo de peixe.
-Expomar reúne profesionais tanto do Atlántico como do Mediterráneo?
Si, temos un grande número de representantes mesmo de empresas internacionais coa intención de que poidan facer contacto e negocio coa xente de Burela e A Mariña. Ademais, Expomar ten unha repercusión importantísima na nosa vila, tanto no sector hostaleiro como tamén no sector comercial. Ademais, sendo o Concello parte da Fundación Expomar, apostamos pola continuidade desta feira.
-Como é esa influencia de Expomar na vida de Burela estes días?
Pois inclúe todo o movemento arredor dun acto como este como son os desprazamentos de todos os expositores. Logo, a nivel hotaleiro as prazas son ocupadas moi axiña e logo os poñentes, claro. En definitiva, esta feira ten un impacto moi positivo na hostalaría e comercio bureleses. Por outra parte, o sector da hostalaría sempre me transmite a importancia da feira para os seus negocios, dado que eu levo tamén a área de Turismo.
-Isto tamén sitúa a Burela como referente dentro dos portos pesqueiros do Cantábrico?
Agora mesmo, a Feira Expomar é das máis importantes a nivel nacional dentro do sector pesqueiro. Cada ano vaise ampliando o número de participantes e iso mostra o interese que existe en participar por parte de axentes pesqueiros. Para nós é moi importante manter Expomar e achegar os recursos necesarios para isto. E desde logo, si, das feiras na costa cantábrica é a máis importante.