InicioCentralBurelaSesión temática sobre a Rede de Turismo Pesqueiro en Burela

Sesión temática sobre a Rede de Turismo Pesqueiro en Burela

O concelleiro de Mar, Ramiro Fernández Rey, quixo animar a todas as persoas interesadas no sector a participar neste evento, subliñando a importancia de coñecer as vantaxes de formar parte da Rede Nacional de Turismo Pesqueiro

Publicada o

- Advertisement -

A Casa do Concello de Burela acollerá o vindeiro xoves 10 de abril, ás 16:00 horas, unha sesión temática sobre a Rede de Turismo Pesqueiro de España, un evento dirixido a todos os actores do sector pesqueiro, náutico, hostaleiro e turístico. A sesión terá como obxectivo dar a coñecer as actividades, obxectivos e funcionamento desta rede, que busca promover e valorar o patrimonio cultural e pesqueiro das zonas costeiras do país.

A xornada dará comezo coa apertura institucional, a cargo de Carmela López Moreno, presidenta da Fundación Expomar, e José M. González López, xerente da Fundación Expomar. A continuación, o concelleiro de Mar e Turismo de Burela, Ramiro Fernández Rey, presentará a Rede de Turismo Pesqueiro, detallando os beneficios de adherirse á mesma e explicando o funcionamento das actividades que levan a cabo para fomentar o pescaturismo.

A sesión continuará ás 16:30h cun espazo de debate, titulado “Pescaturismo e valorización do patrimonio cultural”, cos ponentes Sauro Martínez Durán e Serxio Muño Freire.

A continuación, ás 17:45 horas, será a quenda de Andrea Andión Fernández, técnica de turismo do Concello de Burela, que falará sobre o traballo do municipio para a valoración do patrimonio cultural e pesqueiro, explicando como a localidade está a traballar para preservar e poñer en valor o seu patrimonio cultural relacionado coa pesca.

Ademais, o evento contará tamén cun momento artístico ás 18:15 horas, coa actuación musical “A música do noso mar”, a cargo da Fundación Legar, cos artistas Xabier Blanco e Martina Ferradás, que ofrecerán unha mostra de música de raíz relacionada co mar e as tradicións pesqueiras.

Para pechar a xornada, os asistentes poderán gozar dun petisco pesqueiro ás 18:45 horas, degustando produtos pesqueiros locais acompañados de viños da zona, para poñer en valor a riqueza gastronómica do mar e fomentar a interacción entre os participantes.

O concelleiro de Mar, Ramiro Fernández Rey, quixo animar a todas as persoas interesadas no sector a participar neste evento, subliñando a importancia de coñecer as vantaxes de formar parte da Rede Nacional de Turismo Pesqueiro.

“Queremos que todos os profesionais do sector teñan a oportunidade de coñecer as vantaxes de adherirse á rede e como este proxecto pode contribuir ao desenvolvemento e visibilidade do turismo pesqueiro na nosa rexión”, indicou.

ÚLTIMAS

Centos de persoas reclaman en Viveiro unha mellor sanidade pública e presentan 6.000 sinaturas de apoio

Centos de persoas --segundo os convocantes-- volveron a saír ás rúas de Viveiro para...

Arquivada a investigación sobre os vídeos de mulleres ouriñando na Maruxaina por falta de “indicios criminais”

O Tribunal de Instancia de Viveiro, praza nº1, acorda o sobresemento provisional da causa...

Dous feridos nun accidente entre dous vehículos en Foz

Dúas persoas resultaron feridas e unha delas tivo que ser excarcerada...