InicioCentralBurelaA Fundación Eu Son amplía instalacións de cara os seus usuarios

A Fundación Eu Son amplía instalacións de cara os seus usuarios

Publicada o

- Advertisement -

A Fundación Eu Son, entidade de referencia na Mariña de Lugo na atención a persoas adultas con discapacidade intelectual, vén de realizar un importante investimento coa compra de dous terreos destinados a mellorar a calidade da atención e os espazos dispoñibles para as persoas usuarias dos seus centros.

A Fundación xestiona dous centros de atención diúrna que prestan servizo a persoas procedentes de 11 concellos da Mariña, proporcionando apoio especializado que favorece a súa autonomía persoal e o desenvolvemento das súa capacidades.

Conta cun Centro de Día con 9 persoas usuarias, que ofrece atención diúrna terapéutica, e cun Centro Ocupacional no que participan 40 persoas usuarias en actividades distribuídas en tres obradoiros: cerámica, serigrafía e horticultura.

Noelia Eijo, Directora do Centro, destacou que “o obradoiro de horticultura constituíu, desde os seus inicios, unha ferramenta fundamental para a mellora do benestar emocional e mental das persoas usuarias, especialmente para aquelas con alteracións de conduta”.

“Desde os primeiros pasos como un simple horto estacional, este proxecto foi evolucionando e demostrando os seus beneficios terapéuticos”, engadiu Eijo.

Sinalou ademais que “durante a pandemia, a necesidade de contar con espazos ao aire libre e seguros levou á creación dun obradoiro continuado, ofrecendo unha actividade estable que mellorou a calidade de vida das persoas usuarias”.

“Ata o de agora, o proxecto contou cun terreo cedido desinteresadamente pola súa propietaria, quen desde o primeiro momento comprendeu a importancia desta iniciativa e a apoiou sen dubidalo”, indicou.

A compra de dous novos terreos

Co obxectivo de garantir a continuidade e mellora deste proxecto, a Fundación investiu na adquisición de dous terreos anexos. O primeiro terreo, de 363m2 e un valor de 25.000€, será destinado á colocación do novo invernadoiro para as actividades de horticultura, ademais dun espazo de traballo ao aire libre que permitirá reforzar o seu enfoque terapéutico.

Ademais, grazas ao proxecto subvencionado polo IRPF 2024, dotarase de bancos de cultivo, casetas de madeira con mesas e cadeiras, ampliando as actividades independentemente das condicións meteorolóxicas.

O segundo terreo, de 375m2 e tamén 25.000€, permitirá ampliar as instalacións do obradoiro e engadir un espazo ao aire libre para actividades lúdicas e terapéuticas do que se beneficiarán todas as persoas usuarias da Fundación.

“Esta adquisición supón un salto cualitativo na atención que se ofrece, asegurando un espazo axeitado para potenciar as capacidades das persoas usuarias e mellorar a súa calidade de vida”, salientou Carmela López, Presidenta da Fundación Eu Son.

Atopándose a Fundación nunha situación económica positiva, “este investimento reflicte o compromiso coa mellora constante dos servizos e coa dignidade das persoas usuarias”, declarou a tamén alcaldesa de Burela.

López afirmou que “esta ampliación é froito do esforzo conxunto da Fundación, das persoas que nos apoian e das administracións e entidades que colaboran connosco”. “Seguiremos traballando para garantir un futuro mellor para todas as persoas usuarias”, apuntou.

Con esta iniciativa, a Fundación reforza o seu papel como referencia na atención a persoas con discapacidade intelectual na Mariña, cunha aposta decidida pola inclusión, a calidade asistencial e o benestar das persoas usuarias.

ÚLTIMAS

Alcoa poderá deixar de ser “empresa en crise” a final de ano

Alcoa manifestou que a finais deste ano, no último trimestre de 2025, "poderá deixar de...

ACISA e Concello de Ribadeo asinan un convenio de colaboración cunha axuda de 20.000 euros

Acisa e Concello de Ribadeo asinaron o convenio de colaboración anual que regula a...

V Edición do Enduro Monte Castelo en Burela

O Concello de Burela un ano máis a carreira Enduro Monte Castelo. A V...

Foz amplía o horario da Biblioteca Municipal ‘Salgado Toimil’

O Concello de Foz continúa mellorando os servizos culturais, neste caso da súa biblioteca...