InicioCentralBurelaCarmela López "Queremos o desenvolvemento turístico e preservar a vida diaria da...

Carmela López “Queremos o desenvolvemento turístico e preservar a vida diaria da veciñanza”

O Concello de Burela anunciaba o pasado día 5 de febreiro que realizaría cambios nas ordenanzas urbanísticas para controlar as vivendas de uso turístico (VUT) A alcaldesa de Burela, Carmela López, sinala que este paso é unha maneira de preservar a convivencia entre veciñanza e visitantes ademais de manter vivenda de alugueiro residencial.

Publicada o

- Advertisement -

-Por que Burela decide anunciar futuros cambios nas ordenanzas municipais para o control dos pisos turísticos?

É certo que Burela non está experimentando nestes momentos unha presión turística como si sucede noutras vilas da comarca, mais buscamos anticiparnos e evitar así problemas futuros. Observei durante os últimos tempos que cada vez son máis as solicitudes de vivenda turística á Xunta, en paralelo busco como outros concellos resolveron esta cuestións. Daquela, aproveitando unha modificación puntual do PXOM vimos a oportunidade de cambiar estas ordenanzas que regulan o solo urbano e así podernos achegar a iniciativas como as dos concellos de A Coruña e Santiago.

-Pode adiantarnos cales serían os puntos que se modificarían para atender a demanda de vivenda turística?

Un deles sería limitar o uso turístico en vivendas illadas dentro da comunidade, é dicir, non se permitiría o uso de vivendas turísticas dentro dunha comunidade de propietarios onde os residentes teñen a vivenda habitual. Con isto buscamos que non se altere a convivencia veciñal derivada do uso intensivo dese inmoble para turismo nun edificio considerado residencial. As vivendas turísticas poderían estar en edificios completos, en baixos con acceso independente ao portal do edificio. Desa maneira non se estaría interrompendo a convivencia habitual dos veciños onde teñen a súa casa e tamén en entreplantas con accesos independentes. Queremos o desenvolvemento turístico ao mesmo tempo que preservamos a vida diaria da veciñanza.

-Falouse previamente con persoas propietarias de vivendas turísticas antes de iniciar o proceso de cambios nas ordenanzas?

A este Concello chegan as dúas partes, sobre todo da noticia aparecida o outro día. Antes disto viñan veciños e veciñas dicindo “non sei con quen vou no elevador, descoñezo con quen vivo no edificio, hai moitas persoas alugando para uso turístico e non sei con quen vivo”. Por outra parte, os propietarios de Viventas de Uso Turístico (VUT) achegáronse ao Concello a preguntar, mais Burela aínda está en fase de inicio e por iso digo que imos anticipándonos pois non temos a densidade de VUT que podemos observar noutros lugares. Así non vai xerar moito conflicto como cando está todo establecido e hai un mercado moito máis amplo. Por iso digo que os propietarios viñeron mais entendendo perfectamente a situación.

-Existe algunha zona onde a presenza das VUT tería maior presenza dentro de Burela?

En realidade as peticións veñen de diversos lugares, non podemos dicir que temos máis carga xunto ao mar, en realidade están por toda Burela.

-Como se podería aproveitar a potencialidade das VUT en Burela sen prexuízo da maioría de veciños e veciñas?

Debería limitarse a dispoñibilidade libre, pois ao final esa proliferación diminúe a posibilidade do alugueiro residencial, dificulta o acceso á vivenda para a poboación local. A Burela veñen moitas persoas traballar ao hospital e se non lles podemos ofrecer unha vivenda para todo o ano ao final non acaban asentándose aquí. A parte positiva, revitalizar barrios onde os baixos están sen utilizar desde hai anos, descentraliza o turismo porque veñen todo o ano e impulsa o comercio local. Creo que Burela neste caso debe marcar unha norma para que non perdamos o espírito de convivencia, aínda máis, a día de hoxe Burela non aspira a vivir integramente do turismo, non é a nosa fonte principal de riqueza e queremos apostar por outras fontes alternativas de riqueza e queremos apostar por unha convivencia sá.

ÚLTIMAS

A alcaldesa de Barreiros pide aplicar o “Modelo Muras” para as compensacións polo parque eólico Mondigo

  A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, adiantou hoxe, tras coñecer o anuncio feito pola...

A ampliación do Hospital da Mariña avanza con 33,5 millóns e máis espazo en urxencias, UCI e consultas

O Hospital Público da Mariña continuará coa súa ampliación a través das fases 2...

Convenio entre Viveiro e Portos de Galicia para ordenar o tráfico na rúa Porto de Celeiro

O Concello de Viveiro e Portos de Galicia asinaron un convenio de colaboración...

Ribadeo contará cun novo solo residencial para 300 vivendas, a maioría protexidas

O Diario Oficial de Galicia (DOG) recolle este luns a delimitación dun novo ámbito...