-Que posición ten o BNG, como grupo político que forma parte do goberno local de Burela, aos puntos que sinala o PP como que todas as obras executadas até o día de hoxe teñen algunha anomalía?
Considero que buscan trasmitir a imaxe de vivirmos no caos e no despropósito. O Concello de Burela é un concello onde se intentan sacar adiante proxectos segundo marca a legalidade vixente, mais iso non quita que haxa atrancos aínda cumprindo esa legalidade. Tamén entendo que é unha estratexia da oposición e non entro a valorala, non son eu quen para facelo. Nós temos unha enmenda á totalidade sobre aquilo que pretenden debuxar, algo absolutamente distinto á realidade. Nós estamos centrados en sacar proxectos en Burela e tirar pola vila para adiante e iso é o que nos move. Gustaríame un pouco máis de lealdade institucional por parte do PP, mais están nesa postura que lles marcan desde Santiago e Madrid, a postura do barullo, o ruído e non debater sobre o que lle importa á xente. Fronte a iso, nós propoñemos proxectos e planificación para Burela e mentres eles están no ataque por ataque sen máis alternativa.
-Entre outros puntos, desde o PP apuntan que o prezo do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) é máis caro en Burela, concello de 8 quilómetros cadrados, fronte a outros máis extensos como Vilalba ou Castro de Rei.
Desde logo Burela non se pode comparar con Vilalba ou Castro de Rei, nin sequera estamos na mesma comarca. Independentemente das cores políticas, os concellos sempre nos encontramos cos mesmos atrancos. Por exemplo, o SAF é unha competencia que debera asumir a Xunta mais son os concellos quen a asumen. Este servizo de axuda foi subindo o seu custo durante os últimos anos, porén debo dicir que os custos e prezos que nós manexamos son equiparables aos que teñen os concellos da nosa contorna, isto sabémolo polo contacto con compañeiros e compañeiras doutras localidades. A oposición busca facer política con ese tipo de estratexias mais nós botamos en falta que asuman o seu papel como cargos electos polos veciños e veciñas e fixesen que a Xunta de Galicia asuma o SAF como servizo comarcal e non financiar só unha parte como fai agora. Este servizo é moi complexo e os concellos non teñen medios e recursos abondo para levalos adiante. Isto mesmo sucede en moitos municipios galegos, independentemente da cor política, a falta de recursos.
-Cal é o ambiente social e, sobre todo, laboral que se vive en Burela tendo en conta o sector do mar e o que sucede en Alcoa?
Son os sectores que máis nos preocupan. Historicamente somos unha vila mariñeira e a pesar da situación actual, o mar debe ser un sector de futuro tamén no eido local. O mar move un volume de orzamentos comparable ao sector da automoción ademais de masa salarial. Aquí en Burela, este sector primario é capaz de sumar o tradicional coa capacidade de evolución entendendo isto como a capacidade de transformación que fai co produto. Tampouco somos alleos á problemática xerada por Alcoa. Esta mesma semana estivemos reunidos representantes do BNG da Mariña con membros do comité de empresa e máis o compañeiro e deputado no Congreso dos Deputados, Néstor Rego. Durante a reunión houbo un intercambio de información desde todas as partes para vermos de axudar a desobturar esta cuestión, un problema que inflúe na comarca e na provincia. Desde a administración local tampouco temos as ferramentas suficientes para a promoción económica. Porén, temos un tecido socioeconómico comercial ao que tentamos dar apoio a un sector baseado en persoas autónomas que manteñen unha base económica da comarca e do país. Somos conscientes de vivirmos momentos difíciles mais debemos defender os nosos sectores produtivos e se tanto o mariñeiro como o industrial saen a diante, podemos afrontar o futuro. Aínda así, vemos como ese mesmo futuro parece predestinado ao turismo mais iso implica crear un equilibrio entre turismo e desenvolvemento económico.
-Cales son os plans do BNG para que se leven adiante as intervencións relativas á A-8 e outras infraestruturas de comunicación?
Esta é unha demanda histórica do BNG da comarca pois necesitamos infraestruturas para todos os concellos. Cremos que o Corredor como a A-74 son dúas infraestruturas fundamentais onde Estado e Xunta investiron numerosos fondos, mais a día de hoxe parece non haber sinais de que queiran continuar as obras. Tamén demandamos a creación do dique norte de San Cibrao e da autoridade portuaria de San Cibrao pois a provincia de Lugo é a única provincia costeira que non ten autoridade portuaria propia. Con todo isto, parece que hai unha Mariña de dúas velocidades, pois desde o cruzamento de Barreiros, onde a autovía vai para Vilalba en vez de ir a Ferrol, é como se o resto da comarca quedara máis abandonada. Por iso sempre facemos as reclamacións pertinentes ante as diferentes autoridades autonómicas e estatais.