InicioCentralBurelaKarina Parga, IES Perdouro: "un servizo de acollida é fundamental para un...

Karina Parga, IES Perdouro: “un servizo de acollida é fundamental para un alumno chegado de fóra que descoñece a realidade de aquí”

Karina Parga é profesora no IES Perdouro. Foi participante na última edición do Seminario Nacional de Atención Educativa ao Alumnado Inmigrante. A necesidade de acompañamento para estes alumnos e alumnas, situalos na nova realidade en que viven, así como facer a mesma operación coas familias, é fundamental segundo Parga para que o neno ou nena poida sentirse acollido e ao mesmo tempo poida ter un bo desenvolvemento curricular.

Publicada o

- Advertisement -

Cal ou cales foron os eixos da túa intervención no Seminario Nacional de Atención Educativa ao Alumnado Inmigrante que se celebrou en Compostela?

O primeiro foi o Modelo Burela, o seu nacemento e a súa traxectoria histórica. Como un grupo de persoas que chegamos ao IES Perdouro viamos que a realidade social de Burela contiña unha ampla diversidade de raíces. Comezamos a recoller textos escritos en galego que servisen como modelo para a vida diaria. Investigamos casa por casa na procura de convites, de recordatorios de primeiras comuñóns, de partillas e outros documentos notariais; e mesmo visualizamos as lápidas dos cemiterios. Así fomos buscando cales serían eses primeiros textos escritos en galego na vila e con todo iso fixemos unha exposición e logo un documentario. Outro punto foi o Proxecto Neo, o noso programa de radio que vai da man de Modelo Burela. Un programa onde demos cabida a nenos e nenas con necesidades especiais e, sobre todo, abrimos a posibilidade de socialización a aqueles nenos e nenas que polas tardes non tiñan oportunidade de ir a actividades extraescolares ou a aulas particulares. Co Proxecto Neo conseguimos facer cohesión entre nenos con diferentes niveis dentro dun ambiente de amizade e boa convivencia.

-Dentro deste seminario supoño que fixeches referencia ás diferentes realidades culturais e sociais que conviven na vila.

Si, abordouse a cuestión de introducir, por exemplo, persoas chegadas de Cabo Verde co seu sotaque. Por iso, consideramos importante mostrar como alguén de fóra non ten a barreira do idioma e como iso acaba por dar prestixio ao galego. Aí está a raíz do nome Modelo Burela. Aínda que queda moito por facer, somos un modelo de inclusión social. Por outra parte, tanto a directora do IES Plurilingüe de Ames, María do Carme Liñares, coma min, fixemos fincapé na necesidade de máis persoal para atender alumnado que chega no medio do curso, con horarios e programacións xa feitas. Digo isto porque en casos así vémonos coa dificultade de atender ese alumno, mesmo fóra dos horarios lectivos. Son filla de emigrantes e sei perfectamente o difícil que é pertencer a unha comunidade que non é a túa.

-Mais atender o alumnado que chega nas condicións que describes, necesita dunha preparación especial?

Hai que saber escoitar o alumnado, tamén un servizo de acollida é fundamental pois non podes introducir esa nena ou neno directamente nunha aula e esquecelo. Débese realizar un proceso de acollemento co alumno, coa familia e co centro de saúde para verificar que non ten ningún problema. Isto axuda a detectar calquera anomalía e tamén axuda ás familias que non saben como funcionan os servizos sociais e sanitarios. Como educadores non podemos esperar que as autoridades sanitarias detecten que un neno ten problemas de audición cando xa está finalizando o curso. Tamén están as axudas para libros de texto ás que as familias non poden acceder por non teren papeis, o mesmo sucede cando chegan a bacharelato ou ciclos formativos, hai bolsas ás que non poden acceder por falta de papeis, por iso é necesario facer acompañamento a estes nenos.

-A experiencia de Burela repetiuse noutros lugares, se non de maneira igual, polo menos que ofreza posibilidades ao alumnado?

Sei que hai centros moi interesados no noso Modelo Burela e sei do traballo que se fai para que os nenos vexan como o galego forma parte da súa identidade.

-Dentro do IES Perdouro enténdese que o galego ten boa saúde.

Ten boa saúde mais é fráxil. Un problema deste centro como noutros é a inestabilidade do persoal. Formamos profesores novos mais estes marchan e chegan outros con máis sensibilidade e outros sen esa sensibilidade. Tamén afectan os cambios no equipo de orientación, pois é necesario que o educador-acompañante saiba facelo e coñeza todos os aspectos relacionados con este punto pois existe unha pluralidade de formacións, é dicir, cada neno é unha realidade diferente. Hai tempo creamos un Grupo de Apoio á Integración para atender a unha grande demanda de alumnado recén chegado. Tivemos apoios desde Inspección. Agora, se chegan dous alumnos, non nos permiten crear ese grupo de apoio. Ese é un problema en todos os centros, a inestabilidade.

ÚLTIMAS

Senadores do PP por Lugo reclaman a convocatoria da mesa de Alcoa

Os senadores lucenses José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano, e os...

Os sindicatos do SERGAS denuncian que a consellaría empeorou “unilateralmente” o acordo de redución de xornada

Os sindicatos que conforman a mesa sectorial do SERGAS convocaron esta mañá concentracións nas...

Mariña Patrimonio organiza unha conferencia sobre minaría antiga

Mariña Patrimonio organiza para o vindeiro luns 16 de decembro unha conferencia na que...

PP da Mariña critica que o ministro Planas “saque peito” das negociacións en Bruxelas

O Partido Popular de A Mariña afea ao ministro de Pesca, Luis Planas, que,...