O Concello de Burela acollerá esta fin de semana dous obradoiros de radio e fotografía no marco do proxecto Burela Alumea.
Estas actividades terán lugar o venres 11 ás 17:00 na Casa da Xuventude, e o segundo, o sábado 12 ás 17:00 no local da asociación A Moncloa.
No obradoiro do venres, as persoas participantes aprenderán a empregar os seus dispositivos co obxectivo de sacarlles o maior proveito posible.
Tamén se lles ensinará a empregar equipamento profesional para obter imaxes e e pezas de audio coas que retratar a cultura mariñeira de Burela.
O taller do sábado, por outra banda, será de radio e foto participativa. Nel, dirixido tanto á rapazada como á xente do mar, aprenderase a xerar contidos que se plasmarán posteriormente no molde do faro recuperado polo Concello.
As actividades serán totalmente gratuítas, pero será necesario inscribirse previamente nelas.
O proxecto Burela Alumea conta co financiamento do GALP A Mariña-Ortegal, do FEMPA da Unión Europea e da Xunta de Galicia.