InicioCentralBurelaMario Pillado: "Hai alumnado que se ergue ás cinco e media da...

Mario Pillado: “Hai alumnado que se ergue ás cinco e media da mañá para vir aos centros educativos de Burela”

Mario Pillado é concelleiro de Educación e Mocidade dentro do goberno bipartito de Burela (PSdeG-BNG). Nesta entrevista fai un repaso das necesidades dos catro centros educativos bureleses que acollen a 1.350 alumnos nun dos concellos máis desamente poboados da comarca e que inclúe 40 nacionalidades. Pillado reclama á Xunta investimentos para atender as infraestruturas dos centros educativos así como melloras na rede de transporte para o alumnado que lles permita chegar á hora e non esperar por unha segunda liña de transporte.

Publicada o

- Advertisement -

-Cal é o estado dos centros educativos de Burela e que levou ao BNG a presentar unha serie de demandas á Consellería de Educación?

Burela é o concello máis pequeno da Mariña co núcleo urbano máis poboado e máis grande da comarca. Temos catro centros educativos, dous de primaria: o CEIP Virxe do Carme e o CEIP Vista Alegre e logo dous centros de secundaria: IES Perdouro e o IES Monte Castelo. Estes centros teñen un tempo porque veñen xa de varias décadas atrás. As estruturas necesitan investimentos por parte da Consellería de Educación, mais o que temos é un problema integral relacionado coa situación especial e específica do Concello de Burela que explicamos ao comezo. Xa non é só a necesidade dun ascensor para o IES Perdouro, pois a casuística deste ano por parte do alumnado precida dun. Este IES ten dous andares. Mais iso non quita a nosa reclamación para atender todos os edificios pois teñen xa os seus anos e pouca accesibilidade en xeral e a mellora na eficiencia enerxética, punto que me fixeron chegar desde o CEIP Vista Alegre. Por outra parte, tendo en conta que temos catro centros, 1.350 alumnos e alumnas de 40 nacionalidades distintas, cousa que é un potencial enorme e supón unha riqueza e que nos fai referentes e por tanto debemos coidalo, para iso necesitamos os recursos de todas as administracións e nomeadamente a Consellería de Educación da Xunta de Galicia.

-Mais cales son as deficiencias ou cuestións relevantes que lle trasladaron ao BNG?

Hai problemas a nivel de persoal tal como denuncian ANPA e dirección do CEIP Virxe do Carme, pois piden un coidador ou coidadora máis. Desta maneira, estamos a ver que este curso hai problemas con parte do persoal sobre todo para apoios, así pois, é necesario incrementar este persoal para atender esa diversidade e riqueza que temos e darlles, pois, un mellor substento.

-A que consideran desde o BNG de Burela non ter prestado atención desde a Consellería con anterioridade a estes centros?

Como tenente de alcaldesa e Concelleiro de Educación e Mocidade e xa como concelleiro do BNG, teño observado que a Consellería se remite ás cifras e ratios, para nós iso non serve. Non falamos de ratios e números senón de nenos e nenas ademais das especificidades de Burela. Tamén consideramos urxente a creación dun centro público na comarca para atender as necesidades especiais do alumnado, isto para poder colaborar cos outros centros e ofrecer unha formación combinada xunto cos demais centros da localidade e da comarca.

-Iso en relación aos centros educativos. Existen reivindicacións en canto outros temas relacionados coa loxística?

Hai complicacións no transporte por autobús que usan parte dos alumnos e alumnas que veñen a Burela desde outras partes da Mariña. Debemos recordar que en Burela temos varios ciclos de alto nivel, mesmo temos o Bacharelato de Artes en toda a comarca no IES Monte Castelo ademais doutros ciclos formativos tamén únicos en toda a Mariña. Isto fai que moitos alumnos e alumnas da comarca veñan aos nosos centros mais a rede de autobuses non lles permite chegar á súa hora moitas veces. Isto fai que non poidan coller a primeira liña de bus e deban esperar a segunda liña, por tanto chegan unha hora e media tarde ás aulas. Hai mozos e mozas que chegan ás sete e media da mañá e as aulas comezan ás oito e media, por tanto, botan unha hora esperando que abran os centros. Ese alumnado érguese normalmente ás cinco e media da mañá porque o servizo de transportes non está a atender a demanda para os alumnos e alumnas. Queremos que a oferta educativa se manteña mais tamén pedimos unha rede de transporte axeitada.

-A renovación e mellora de infraestruturas necesita duns investimentos. De onde debe saír este diñeiro?

Segundo o que marca a lei e polo que nos fai saber sempre a Xunta de Galicia, en materia de competencias, os concellos teñen a responsabilidade do mantemento e así é o ensino de 0 a 3 anos e logo en primaria e secundaria. Entendemos que os investimentos deben ir destinados ás infraestruturas e mesmo a obras enteiras e, por tanto, o diñeiro debe investilo a Xunta de Galicia. Desde o Concello xa se levan adiante todos os labores de mantemento e mesmo podemos dar o noso apoio nalgunhas áreas mais entendemos que as infraestruturas son cuestión da Xunta. Chama a atención que no comezo de curso desde o goberno galego se estiveron a anunciar investimentos en todo o territorio. Porén, a Consellería de Educación trasladou que non se vai realizar ningún investimento en instalación de elevadores ou calquera outro sistema equivalente de accesibilidade e mobilidade en ningún centro de Galicia, como por exemplo, no IES Perdouro.

ÚLTIMAS

Senadores do PP por Lugo reclaman a convocatoria da mesa de Alcoa

Os senadores lucenses José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano, e os...

Os sindicatos do SERGAS denuncian que a consellaría empeorou “unilateralmente” o acordo de redución de xornada

Os sindicatos que conforman a mesa sectorial do SERGAS convocaron esta mañá concentracións nas...

Mariña Patrimonio organiza unha conferencia sobre minaría antiga

Mariña Patrimonio organiza para o vindeiro luns 16 de decembro unha conferencia na que...

PP da Mariña critica que o ministro Planas “saque peito” das negociacións en Bruxelas

O Partido Popular de A Mariña afea ao ministro de Pesca, Luis Planas, que,...